Victoria Moreno e o lobo epistológrafo

OPINIÓN

30 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días tiven a honra de presentar en Santiago un conmovedor libro sobre María Victoria Moreno, presentación na que acompañei a Laura Iglesias (de Hércules Edicións), a Antonio Seijas, autor das magníficas ilustracións do volume, e a Ánxela Gracián, que estaba na mesa como tradutora das Doce cartas a María Victoria Moreno, que así se titula o orixinal e fermoso libro. Sabido é que Ánxela Gracián (de Gracián, Castroverde, 1968) exerce, na Xunta de Galicia, como tradutora experta en varias linguas, unha delas desconcertante; tamén é ben sabido que Ánxela Gracián é, como poeta, unha pluma vital, cálida e evocadora das mellores matrias. Foi mágoa que non asistise o autor das Doce cartas a María Victoria Moreno, que asina esas páxinas epistolares co nome, xusto, de Garimoso, un novo nome para os manuais de historia da literatura galega.

Os lectores de María Victoria, se leron Mar adiante, o seu primeiro libro (1973), nunca esquecerán que un dos contos, posto en boca de Sara (Sara Alonso Pimentel), é o protagonizado por unha nena de moi humilde condición chamada Mariquiña, que pasa unha noite debaixo dun carballo mortiña de frío ata que se pon de par dela, para darlle calor, un lobo, que ela pensa que é un can solidario e garimoso, e así era aquel lobo. Comportouse de tal xeito que os veciños da engaiolada neniña bautizárono, para sempre, co nome de Garimoso.

O que non sabía María Victoria Moreno, a inventora deste singular lobo, é que Garimoso era escritor, un escritor que inicia a súa carreira literaria, no presente ano, escribindo a biografía da súa inventora, de María Victoria Moreno Márquez. É unha biografía algo novelada porque os lobos son xente imaxinativa e, ao mesmo tempo, fiel, fiel, neste caso, ao substancial da vida e do espírito de María Victoria Moreno, aquel corazón rico e sabio, características moi presentes, sempre, nas páxinas que traduciu, da lingua lupina, con tanto decoro e emoción, a escritora Ánxela Gracián, curiosa políglota. Foi María Victoria, no conto protagonizado por Mariquiña, quen alterou a améndoa dos vellos relatos populares: libera ao lobo da súa maldade e ferocidade e fai del un personaxe que, no dicir das xentes, debería chamarse Garimoso. E Garimoso vai ser o pseudónimo de Ánxela Gracián para escribir esta ducia de cartas a María Victoria Moreno, cartas nas que se nos conta a vida e a literatura da ilustre escritora, sempre excelentemente, con amor e sabedoría.