O mestre Abreu

OPINIÓN

MARCO BELLO

30 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Acción Social para la Música era o nome orixinal do proxecto creado no 1975 por un dos grandes revolucionarios da música orquestral, o mestre José Antonio Abreu. O proxecto acabou converténdose nun dos modelos educativos de «democratización da música» máis populares, baixo o nome xenérico de El Sistema (Fundación del Estado para el Sistema Nacional de Orquestas y Coros Juveniles e Infantiles de Venezuela).

Recoñecendo o poder música como axente de desenvolvemento social, o mestre Abreu conseguiu crear un macrosistema de orquestras e coros centrado no «rescate pedagóxico, ocupacional e ético da xuventude a través da práctica colectiva da música» nas zonas máis vulnerables de Venezuela. El Sistema foi e é un modelo a seguir nos cinco continentes; dende os EE.UU. a Angola, pasando por toda América Latina, o impacto social do seu proxecto é tan tanxible que a perda do mestre Abreu, esta pasada semana, significou unha grande perda no mundo do activismo musical.

Cando traballo en contornos relacionados co Sistema sempre penso no paralelismo do poder social que tiveron, durante décadas, os grupos de música e baile tradicional, as corais ou as bandas de música na nosa terra. Organizados de xeitos diferentes, máis ou menos institucionalizados (El Sistema é do Estado venezolano), as vilas en Galicia culturalmente activas polo feito de ter unha banda de música, son tamén vilas socialmente activas. Ao igual que a Orquestra Sinfónica Simón Bolívar, as nosas bandas contan coas súas propias escolas que dinamizan de xeito natural a vida da xuventude das vilas grazas aos Abreus invisibles que loitan a cotío porque sobrevivan...