María Victoria Moreno, políglota militante

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

23 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Está por facer a bibliografía desta polifacética e sorprendente escritora, pois, neste tempo prologal do Dezasete de Maio, seguen a aparecer, hoxe alá, mañá acolá, textos inéditos seus. No mesmo Instituto Torrente Ballester, o centro onde ela, xa moi doente, se prexubilou, vaise publicar un relato agasallado pola nosa autora a unha colega. E hai días, chegou á miña man un manuscrito de nove folios moi representativo da nosa escritora. Debo unha fotocopia ao profesor do Instituto Castelao Pedro Iturburúa Arrizabalaga, que foi, no seu día, quen ocupou, no Torrente Ballester de Pontevedra, a praza que María Victoria deixaba vacante.

 Trátase do discurso que pronunciou a singular profesora no instituto pontevedrés, o 2 de xuño do ano 2002, no acto de despedida. É un discurso tetralingüe, que inicia en latín e continúa en galego, catalán, castelán, galego e castelán. Non era especialista en latín, pero coñecía ben a súa gramática e o seu vocabulario desde os seus anos de estudante de bacharelato nun colexio de Barcelona (1951-1958), mercé ás clases da profesora Rosa Juliá, a quen María Victoria ten mencionado e gabado en varias ocasións. Foi en Barcelona onde aprendeu o catalán, moi ben, como proban os relatos que, anos despois, traduciu ao galego. Cómpre aclarar que naqueles ominosos anos (1951-1958) o catalán non o aprendeu nas aulas, onde estaba prohibido: aprendeuno coas colegas nos recreos, nos paseos, na rúa («al carrer»). Non era a primeira vez que María Victoria, por razóns pedagóxicas, construía un texto en catalán. Xa o fixera nese magnífico manual que publicou, no ano 1991, co título As linguas de España.

O exordio desta alocución cuadrilingüe son unhas cantas liñas en latín nas que invoca, no día da súa festa, a San Cirilo, que non era un santo calquera: era o santo -e o sabio- que no século IX se opuxera á tiranía trilingüe, que consistía en predicar a palabra de Deus só en hebreo, grego e latín, rexeitando «as linguas vulgares», entre elas o eslavo búlgaro, para o que ideou un alfabeto, coa colaboración do seu irmán Metodio, imperante hoxe en moitos países. Así pois, invocando a este loitador polos dereitos lingüísticos «in festivitate Sancti Cirili», a ilustre profesora pronuncia a súa última lección nos outros idiomas románicos cooficiais, un dos cales, o galego, atopara nela, desde 1965, a súa gran valedora e reivindicadora.