Heroína: a besta cabalga outra vez

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

20 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A heroína volve estar presente en todas as cidades e axiña chegará aos últimos recunchos: aquela besta brava que arrasou á miña mocidade cabalga de novo. Ninguén sabe moi ben como foi, pero aquí está outra volta coma se non tivésemos memoria, coma se non coñecésemos os seus efectos, coma se non tivésemos que combatela na década dos oitenta e dos noventa, coma se non deixase unha fenda na pirámide demográfica que aínda está pendente de valorar. Volveu silenciosamente e vemos outra vez os seus efectos en Santiago, chegan noticias alarmantes de Coia e Teis en Vigo e da Coruña e Lugo, pero aínda non saltou a alarma, aínda non se chamou a arrebato. Haberá que reaccionar a tempo agora que temos experiencia e sabemos a onde leva esa galopada. Sería un crime social consentido que volvese suceder. E está empezando a suceder.

Din que hai unha volta do consumo da heroína en todo o mundo e que xa se nota moito en América do Norte. A novidade é que seica xa non é cousa de barrios marxinais, senón que os novos consumidores son a mocidade da clase media. Outra novidade é que mudou o xeito de consumo, pasando das grimosas xiringas a novos sistemas. Non sei como foi, non sei de onde vén, tampouco por qué agora. As noticias nos medios empezaron a aparecer o ano pasado, un pouco antes en América. A crise non é allea a esta volta do cabalo, e as crónicas de quen sabe din que os consumidores son sobre todo os máis novos, os que non teñen memoria e aos que, polo que se ve, ninguén lles foi co conto. Por Compostela, onde nos coñecemos todos, vense tamén vellos consumidores superviventes. Outro produto da crise, deixaran de verse mentres estiveron atendidos, acollidos e controlados polos servizos. Os retallos e o desmantelamento de servizos sociais a consecuencia da crise acabou co amparo e, polo que se ve, tamén coa prevención. Tamén o paso do tempo e a obsolescencia debeu afectarlles.

Non sei como se consome agora esta substancia nin falta que fai, pero que volva con novos azos e novos modos é unha pésima noticia para a que debemos estar preparadas as institucións e a sociedade. Se temos memoria repararemos en que todos seremos poucos para aturar e combater a esta inimiga silenciosa. Mentres vemos as series Narcos ou Matalobos coma se fosen algo do pasado e gozamos a feitura, a fala e as interpretacións de Fariña coma se fose cousa xulgada, está volvendo acontecer ao noso carón. Pode que nunca deixase de suceder, pero agora volvemos notalo na peor cara posible. Mentres medraba a alarma social polo botellón facendo do asunto case un novo circo social durante anos. Mentres aparecían novas drogas de deseño e continuaba a trasfega da snob cocaína, polo mar abaixo viña unha egua de pé. Pode que nunca nos abandonase o narcotráfico: os barcos apresados e os almacéns confiscados algo querían dicir. Está volvendo pasar. Aquí. O tráfico e o consumo da heroína. Reaccionemos tendo conta da experiencia dos expertos e toda a aprendizaxe acumulada en rehabilitación e prevención.