Serei pensionista

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

18 mar 2018 . Actualizado a las 13:40 h.

Tardaron dez anos en fartar. Dez anos desde aquel 2008 no que volveron ser pais sen deixaren de ser avós, no que asumiron ser coidadoras sen deixaren de estar cansas, no que se converteron na banca deste país cando a banca saíu correndo. Dez anos con esa paciencia que seguramente só comparece grazas á idade e que se agachaba detrás dun silencio no que o certo é que os botabamos en falta. Pero por fin apareceron nunha vaga de indignación que agromou e fixo saber un dato sobranceiro, algo impronunciábel pero sabido: que cando un pensionista tose, é Rajoy quen se acatarra.

E aí están, en plena recta final da campaña da gripe, medíndolle a temperatura a un goberno que subestimou a miles de xubilados e xubiladas que, enriba, andan nostálxicas daqueles tempos mozos nos que tomar as rúas aínda servía para algo.

Pero, saben?, a mellor lección que nos dan ao se manifestaren é o seu efecto espello. Todo o mundo será pensionista a non ser que morra (daquela, problema resolto). E, por moito que Rajoy crea que si, os problemas non desaparecen por non dicilos, nin a xente vai morrer para quitarlle o problema de diante. E a dificultade de resolver períodos de xubilación que case igualan aos períodos laborais non se ventila cun golpe na mesa, unha burla e un adeus moi boas encargados a portavoces bocachanclas e a ministros que parecen sacados da mesa de dominó do centro social.

Miro os pensionistas manifestándose e penso que ese mísero euro que lles subiron a boa parte deles está moi ben empregado na tinta desas pancartas que a min me contan profecías dun sistema peor para nós, mellor para os donos de todo isto. E a mesma dor de saber que malempregan os votos.