A revolución pensionista

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

17 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucos días despois de proclamarse a Segunda República atopáronse en Madrid os escritores Julio Camba e Josep Pla. O catalán acudira á capital para exercer de xornalista e o galego coa esperanza de obter unha embaixada. Non a conseguiu e, cando volveron encontrarse, Camba, amoucado e enrabechado, augurou o fracaso da República por confiar en incompetentes. Tamén en 1977, despois das primeiras eleccións democráticas, chegou ao Parlamento unha maioría de deputados que, por falta de experiencia e de formación política, só podían premer o botón nas votacións e procurar non moverse para saír nas fotos dos respectivos partidos, pero os electores demócratas non lles pediamos máis. Abondábanos que fosen honestos e desmontasen o franquismo. E así foi mentres gobernou a UCD. Despois desapareceu o idealismo e a «clase política» converteuse en «casta política», con privilexios que para si quixeran os Brahmans na India.

Certo que, desde febreiro do ano 2016, deputados e senadores xa non teñen un plan de pensións pagado con diñeiro público, nin seguros de vida e invalidez, nin axudas ás súas viúvas e orfos, nin a posibilidade de seguir en alta na Seguridade Social se deixan de selo con idades superiores aos 55 anos. As mesas do Congreso e do Senado suspenderon eses privilexios cando varios deputados de Esquerda Unida e UPyD renunciaron a eles e deixaron aos demais en evidencia; pero quédanlles máis e queda unha actividade parlamentaria degradada, corrompida, da que as vítimas da crise nada poden esperar. O debate das pensións fíxome lembrar a un paisano meu, coñecido por «o Triste», que pasaba fame negra e un día botou man a un salchichón nunha tenda de ultramarinos e saíu correndo. Os gardas pillárono, levárono ao cagarrón e foi xulgado por roubo. En intervencións elocuentísimas, o fiscal presentouno como «perigoso delincuente» e o avogado como «vítima da inxustiza social». Picáronse os letrados e cruzáronse espléndidas pezas oratorias e, ao remate, cando o xuíz preguntou ao acusado se tiña algo que dicir, o Triste, home de pouquísimas palabras, comentou:

-¡Moito falan! ¡Falan de cheos!

Tamén as nosas señorías «falan de cheos» e os xubilados, cansos de oílos, enchen rúas e prazas en toda España para esixirlles a satisfacción duns dereitos gañados nunha vida de traballo. É a revolución pensionista, que debe levar á rexeneración moral dun sistema político corrupto, do que todos somos responsábeis. Eu xa me afiliei a unha asociación de xubilados e a miña pancarta advirte: ¡Volvemos!