Rulfo e Onetti

OPINIÓN

16 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor mexicano Juan Rulfo, autor da gran novela Pedro Páramo, era un home de moi pouco falar, e menos con estraños. O uruguaio Juan Carlos Onetti tampouco era partidario do lucimento público, entre outras cousas porque era moi tímido. Os dous coincidiron no I Congreso Internacional de Escritores en Lengua Española, que se celebrou en xuño de 1979 en Las Palmas de Gran Canaria. Alí compartiron silencios e copas, porque os dous eran de bo beber e de pouco falar. Pero estiveron xuntos, xantaron xuntos e tiveron xestos de recoñecemento mutuo. E isto era abondo para os dous máis grandes silenciosos daquel Congreso.

Todo isto só cambiou un intre cando, un día, despois de xantar no lugar habitual, os escritores españois e latinoamericanos se dirixiron ao autobús para volver ao lugar en que se xuntaban e debatían. Rulfo e Onetti saíron do comedor en silencio e subiron pola porta de diante do autocar. Un escritor español vencellado á organización indicoulles que sentaran diante, nos dous primeiros asentos. Rulfo e Onetti aceptaron, pero demoráronse no intento de cederlle un o paso ao outro. Chegou entón o típico listo ou despistado, coouse entre eles e sentou diante. Houbo un silencio, como se se detivese o tempo, con Rulfo e Onetti paralizados por algunha indecisión ou desconcerto. E entón seica se oíu a voz rexa e indignada do uruguaio Onetti dirixida ao intruso: «¡Fillo de p…!». Non houbo máis. O aludido decatouse da situación, ergueu do asento e marchou para atrás. Rulfo e Onetti viaxaron diante sen cruzar unha palabra. Saudábanse cada día, iso si, cunha cordial inclinación das súas brillantes cabezas. E logo todo era silencio e calma demorada.

A anécdota, que ma contou unha testemuña presencial, non tivo unha difusión inmediata, pero si foi comentada despois, quizais porque definía ben o carácter dos dous grandes escritores latinoamericanos. Pasado este episodio canario, cada un volveu aos seus silencios e aos seus xestos amables e respectuosos, de mutua admiración. E ambos os dous seguiron a sentar xuntos na memoria que despois quedou daquel autobús literario.