Expectativas: o fracaso popular

Lourenzo F. Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

13 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Partido Popular está desconcertado. Perdeu á mocidade, acaba de empezar a perder aos xubilados e entrou en shock coa folga de mulleres. En Galicia enfronta na Xustiza unha folga das de antes da crise, das que xa non se lembraban. Os dirixentes, nas súas actuacións, amosan non entender estas reaccións repentinas e inesperadas que parecen produto dun malestar social xeneralizado. Está pasando a diferentes niveis, de diferente xeito, con diferentes aparencias. A perda de votantes novos acompañou á crise e a sangría continuou coa evidencia pública da corrupción sen solución -visible e risible-. Moitos marcharon a Ciudadanos, mortos de vergoña, na procura dun porto refuxio sen contaminar, outros quedaron na casa sen incorporarse a votar ou dende a casa pasaron ás Mareas e a Podemos.

O PP nin imaxinaba as mobilizacións dos pensionistas, precisamente cando máis os necesitan e máis promesas lles fan. Os maiores, mobilizados por unha entusiasta vangarda de activistas do 68 acabados de xubilar, están situando na opinión pública problemas coñecidos, agravados pola falta de solucións nestes anos. E outro problema que mete medo aos xubilados do futuro: seguirá habendo pensións? As respostas do goberno botaron combustible á mobilización. No caso da folga das mulleres no PP estiveron dúas semanas colocándose un adival ao pescozo.

A esquerda que segue o marxismo de manual sempre cometeu o erro de pensar que as revolucións só se producen cando as sociedades están depauperadas. Ese mecanicismo histórico levouna a ser devota, e ás veces promotora, do «canto peor mellor». Non poucos ideólogos da dereita nun pensamento simétrico constrúen estratexias para negar a evidencia do deterioro social, o incremento de desigualdades e o empeoramento das condicións de vida da maioría que acompañou á última crise. Actúan como os máximos defensores da educación pública, da sanidade pública e do emprego digno, alimentando inevitablemente expectativas de mellora que non están en condición ou en disposición de cumprir. Hoxe non temen a revolución, senón só a protesta, a mobilización e, máis importante, a previsible derrota electoral que os desaloxaría dun poder en Madrid ao que están agarrados, en ausencia de maioría, manexando a cuestión da identidade nacional. Cando a crise vai pasando -ou iso din, ou parece, ou queremos- o que era exercicio de contención transformouse inevitablemente en malestar social, se hai organización en reclamacións e, de súpeto, en reaccións inesperadas.

O PP pilotou a crise pero no sabe pilotar a saída. As expectativas de mudanza e mellora son o contrario da contención como estratexia que practican e da reacción como ideoloxía que transmiten. Saber xestionar as esperanzas de cambio resulta moi difícil para esta dereita realmente existente que non quere mudar senón gobernar o que haxa e ocupar o poder como sexa, mesmo en condicións de minoría, mesmo sen aprobar orzamentos. Sobre todo resulta moi difícil para a mesma dereita e as mesmas caras que xestionaron a crise, a contención e a falta -a destrución- do benestar. Fracasan en entender e responder ás expectativas.