Quen persigue a quen

OPINIÓN

12 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A acusación do nacionalismo español de que se persigue o castelán, se ben semella ser máis ben produto da finura política madrileña, está rotundamente negada polos datos obxectivos de que dispoñemos, dos que resulta, por exemplo, que os bachareis cataláns teñen mellor nivel en castelán que en catalán. Curiosa persecución. Polo demais, esas mesmas estatísticas demostran que o idioma castelán é de uso maioritario en Cataluña (un 50 por 100 contra un 36 por 100), outra curiosa persecución.

E, por se fose pouco, que os escolares cataláns, ou galegos e vascos, teñen mellor nivel de expresión e de formacións ca os de comunidades que se preocupan moito polo que pasa na periferia e moi pouco, ou nada, do que ocorre nos seus eidos. Non deixa de ser expresión dun nacionalismo do máis reaccionario e trasnoitado as ocorrencias de certos baróns do PSOE, xusto de comunidades con niveis de escolarización moi deficientes, que os levan a agachar os seus problemas tratando de crealos en comunidades onde non existen.

O éxito da inmersión lingüística é algo que algúns non poden aturar. Curiosas persecucións. ¿Será que temos, e non sabiamos, algún J.I. Wert capaz de impartir doutrinas perversas? ¿Dispoñemos de poderosos medios para impoñernos a unha lingua en situación de superioridade manifesta e aceptada en xeral como lingua común?

¿Será que é tanto o poder da periferia que debemos ser temidos? ¿Quen exclúe a quen? ¿Quen persigue a quen? ¿E para cando a solución civilizada do estudo normal, do uso normal e do ensino normal das diversas linguas que temos a sorte de ter? ¿Por que Suíza ten que ser un país civilizado e nós non? ¿Por que alí están todos en paz e aquí non?.Porque alí os patriotas non son idiotas. ¿Ou alguén coñece outra explicación?