O 68 en Compostela

Ricardo Gurriarán TRIBUNA

OPINIÓN

04 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Corría o mes de abril daquel ano e o estudantado universitario parisiense levaba a cabo accións para lle esixir ao profesorado unha metodoloxía educativa renovada, a actualización dos fondos bibliográficos e máis locais e facilidades para reunírense. En definitiva, demanda de cultura e liberdades e, sobre todo, fartura e devezo de emancipación de tutelas autoritarias trasnoitadas. Ante a negativa, os bulevares franceses ateigáronse de estudantes e «moita moita policía»: paus, pelouros e sancións. Mais a crise social non chegou ao río. Xa se encargou o sistema de que o conflito non fose máis alá. E chegou o comandante (De Gaulle) e mandou a parar e os «medios de produción quedaron nas mesmas mans». Nos cinco continentes resoaron os mesmos ecos. En España tamén, malgré tout...

Aquí, uns meses antes, nun escenario ben diferente, o estudantado de Compostela iniciara un conflito en demanda de liberdades e democracia. Andando xaneiro, as rúas comezaron a verse ocupadas nunha cerimonia de accións e reaccións entre policía e mocidade. Manter a tensión cunha folga máis de tres meses non sería posible se o conflito non toma daquela un rumbo ponderado e intelixente, con negociación e un peche de tres días na Reitoría. Con cabezas que souberon xestionar asisadamente. Comunistas militantes e a plataforma cristiá Asociación Democrática de Estudiantes, nacionalistas dispersos politicamente e mais incipientes socialistas en busca de espazo conformaron unha sólida fronte que axiña arrastrou o resto do estudantado. Con líderes experimentados que souberon sopesar previamente saídas e consecuencias, foron quen de trasladar o conflito á sociedade, que clamou diálogo. Desde a veciñanza ata a emigración organizada en América, desde os traballadores comunistas de Ferrol ata o clero progresista nas súas epístolas dominicais, sen esquecer asociacións corporativas e profesionais, intelectuais e o apoio dalgúns medios. Volveron ás clases, logo dunha votación democrática, cando París era un estoupido. Acadaron unha manchea das reivindicacións. Caeron pezas claves da ditadura e desta universidade, sen ruído. Mais tamén quedou un estado de excepción con moita represión. Unha toma de conciencia democrática de boa parte do estudantado logo se materializaría en oposición organizada nunha ditadura abaneada. Como dicía a canción, deixaron o medo a un lado. Non eran inmunda escoura. En Compostela, da submisión e o silencio pasouse a clamar liberdade e democracia. Mais con 13 expedientados na universidade.