Eu secuestrei «Fariña»

OPINIÓN

28 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Claro que lin Fariña! E aledeime da inminente saída en galego. Fariña conta parte da nosa historia, con feitos contrastados. Fariña, bo título.

A historia de que o ex alcalde do Grove non estaba de acordo en saír nomeado nel xa a coñecía eu desde hai moito tempo, e iso que só aparece en dous parágrafos.

Mais ofendeuse, a pesar de ser procesado polos delitos de narcotráfico que se citan. Vale, a sentenza foi revocada posteriormente polo Tribunal Supremo, pero... Cando o río soa...

Con todo, isto pode atacar a honra do home (non o cito por se me quere demandar a min tamén), e é por iso que unha xuíza ditamina medidas cautelares como secuestrar o libro e prohibir máis impresións. O peticionario debe depositar 10.000 euros pero o que lle reclama ao escritor e á editora son 500.000.

Secuestrar un libro... Xamais pensei chegar a tal por este motivo. O único secuestro dun libro que coñezo e entendo é o de atrasar a devolución dos empréstitos por non ter tempo a ler. Ou levalo a todos os lados cando un se engancha ao que conta.

Eu secuestrei Fariña, si. Lino axiña, sen darlle descanso. Foi un dos libros que máis prestei, e agora chóvenme de novo as peticións. Síntoo por Nacho Carretero, o autor, pois non vai vender todo o que eu deixo pero... seica está a piques de esgotarse! No fondo, non hai mellor publicidade.

Se a moitos, coma a min, o nome do ex alcalde se nos perdeu entre a inxente listaxe de implicados, agora non nos queda dúbidas de quen é e que pasou. Non hai mellor publicidade.