Canto deberiamos cobrar máis as mulleres?

Eva Solla Fernández VICEPRESIDENTA SEGUNDA DO PARLAMENTO DE GALICIA. COORDINADORA NACIONAL DE ESQUERDA UNIDA

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

27 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro paso para enfrontarse a calquera problema é definilo, e para iso é importante poñerlle as cifras correctas. Só a partir de aí veremos a súa dimensión e, asemade, as súas causas. É despois, cunha diagnose precisa, cando se poden propoñer solucións efectivas.

A respecto da desigualdade salarial entre mulleres e homes -un problema de enorme relevancia, que sofre a metade da poboación asalariada- non existe unha estatística específica que de xeito continuado mida esta fenda.

E o peor é que na maioría das ocasións a propia definición de fenda salarial está contaminada por unha perspectiva masculina, xa que, con demasiada frecuencia, esa realidade defínese a partir da cantidade que os homes gañan máis que as mulleres, cando o que cumpriría facer é medir o que as mulleres cobran menos que os homes.

Non é unha cuestión menor nin un xogo de palabras, posto que o obxectivo final non é baixarlles o salario aos homes, senón subírllelo ás mulleres. E o resultado é moi diferente segundo o método de cálculo que se utilice.

O mellor é velo con cifras concretas. O instrumento máis preciso para medir a fenda salarial é o informe que cada ano realiza a Axencia Tributaria recollendo os ingresos de todas as persoas que traballan como asalariadas.

Non é unha simple estatística baseada nunha enquisa, senón un rexistro con datos reais de 18 millóns de persoas no conxunto do Estado, das cales máis dun millón corresponden a Galicia.

Os últimos datos dispoñibles, de 2016, din que o ingreso anual medio declarado polos homes que traballaron como asalariados foi de 20.243 euros, mentres que as mulleres ingresaron de media 15.730 euros.

Por tanto, en Galicia en 2016, as mulleres ingresaron 4.513 euros menos polo seu traballo asalariado que os homes. Tendo en conta estas cifras, cal é a fenda salarial?

Non é, desde logo, o 22 % que os homes cobran máis que as mulleres. O correcto é establecer a porcentaxe na que habería que incrementar os ingresos medios das mulleres para igualar o dos homes. E cando se calcula desta forma sae un resultado moito máis alarmante, posto que a fenda salarial se eleva ata o 29 %. Este é o incremento do salario medio das mulleres necesario para conseguir a equiparación retributiva.

4.500 euros anuais, o 29 % dos ingresos: esa é a dimensión cuantitativa da fenda salarial, que ten como orixe o conxunto de discriminacións que cruzan todo o mercado de traballo: o traballo a xornada parcial, a temporalidade, a precariedade, os sectores de actividade infravalorados, as carreiras profesionais, a estrutura salarial... agochan discriminacións contra as mulleres que, finalmente, nos conducen a esa inaceptable e inxusta fenda salarial.

Calculala dende o punto de vista da situación das mulleres e non da dos homes é tamén avanzar na perspectiva de xénero.

Combater esta fenda é avanzar na igualdade real no mundo laboral e loitar contra a feminización da pobreza. Un dos moitos motivos para apoiarmos a convocatoria da folga do 8 de marzo.