Demografía galaica

Lourenzo F. Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

20 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia non ten un problema demográfico. Terá problemas económicos e sociais. E para algúns terá un problema político, pola ausencia de políticas atinadas neses terreos, pero non un problema demográfico, así en bruto. Se o ollamos no prazo dun século resulta que a situación actual é froito dun grande éxito. Temos unha esperanza de vida ao nacer das máis altas do mundo: 83 anos, por 33 en 1900 e 60 anos en 1950. Hai detrás deste éxito moitas melloras no nivel de vida, na saúde e moita redución da natalidade infantil. Vivimos máis e temos moita xente maior que require políticas activas -e recursos- para atender o envellecemento, pensións, servizos sanitarios e ocupacionais. Coidados.

O problema galaico, a nosa anomalía, é a continuidade da emigración secular que agora a crise incrementou. Só en 2016 saíron de Galicia vinte mil mozos e mozas de 20 a 35 anos, segundo datos do INE. A caída da natalidade débese a que as mozas en idade de ter fillos están fóra do país. A maioría están moi ben cualificados. Se comparamos no longo prazo a emigración galega coa bretoa, a sueca ou a irlandesa, esa anomalía galaica da continuidade da corrente migratoria despois de 1950 revélasenos como o principal problema demográfico. Velaí o albo do diagnóstico.

Os datos demográficos revelan éxitos ou problemas socioeconómicos. A demografía é disciplina complexa e apaixonante, pero tan difícil de dominar que os seus resultados son doados de confundir e manipular. É a ciencia das persoas e dos pobos, de aí a súa importancia política. Galicia tivo bos demógrafos no século XX, vinculados á economía, á xeografía e á historiografía. Actualmente a demografía practícase en todas as ciencias sociais pero non existe aquí ningún departamento, instituto ou centro dedicado á investigación demográfica, como si existen en Cataluña (UB), Madrid (CSIC) e na maioría dos países. Non podemos ter un problema -de natalidade, abandono rural ou movemento desde o interior á costa- se nin sequera estamos en condicións de diagnosticalo do modo que a complexidade do coñecemento esixe. Investigamos en cancro, novas tecnoloxías, patrimonio, finanzas, pero non en demografía. E este non é un asunto para fiarse do primeiro que che din senón que require da pescuda e o debate científico.

Entrar no asunto demográfico sen diagnóstico só conduce á confusión. Tampouco é certo que perderamos poboación en termos absolutos, o que acontece é que a continuidade da emigración ata hoxe mesmo reduciu o noso peso no conxunto estatal dende 1990, do 11 % ao 5 % actual. Se nos preguntamos directamente por qué hoxe nacen menos nenos por muller sen enmarcar esa pregunta como cómpre, as respostas poden ser disparatadas, ideolóxicas ou de base relixiosa. Se as únicas políticas propostas son estritamente natalistas estamos directamente recuando a cando a forza dos países se medía pola súa poboación e os homes que podían constituír un exército, ou aos tempos en que as repúblicas americanas se rexían polo principio «gobernar é poboar». Estamos no século XXI. Non confundamos síntomas con enfermidade.