Desigualdade, «vade retro»!


pasada semana, uns amigos que paseaban por Frankfurt achegábanse á sede do Banco Central Europeo, que nesa anódina cidade é un dos poucos atractivos turísticos, se así podemos cualificar ao feo rañaceos que concentra o poder económico da vella Europa. De camiño alí, a escasos 300 metros do xigantesco símbolo do euro que identifica ao edificio, atopaban na rúa a varios senfogar pedindo esmola, protexidos con abrigos de cartón e farrapos do xélido inverno alemán.

Se iso pasa na locomotora económica do continente, que non pasará en España? Que non pasará en Galicia? Mentres TVE informa de que a economía española crece máis que a de EE. UU. e o presidente da Xunta fachendea con que as empresas galegas baten récords de facturación, como vai iso que os economistas chaman o índice de Gini, que mide as diferenzas entre o 10 % da poboación máis rica dun país e o 10 % máis pobre, iso que en román paladino chamamos desigualdade?

Pois vai regular. Os informes de organismos e oenegués son teimudos: ao tempo que Amancio Ortega compra un edificio en Manhattan por centos de millóns, outras persoas en Galicia reciben unha carta da Xunta negándolles a risga, eses 400 euros de inserción social que só reciben 11.000 persoas (só hai 10.000 pobres en Galicia?) e outros galegos van apagando as lámpadas da casa, incapaces de pagar a factura de Fenosa, con aumentos estratosféricos do 10 % no 2017.

A propia Comisión Europea recoñecía en novembro que a recuperación española vai acompañada dun escaso esforzo contra a pobreza. Similares datos ofrece o recente informe de Oxfam-Intermón, ou o Foessa 2017 de Cáritas; e en Galicia o dos economistas Manuel Lago e Alberto Turnes, así como o da Rede Galega contra a Pobreza (EAPN).

Eu recomendaría ao presidente da Xunta, se quere testar a verdadeira faciana da economía, que visite os caixeiros automáticos e comprobe cantos están ocupados nas noites do inverno por persoas que non reciben asistencia. Por certo, para non aumentar o gasto, ofrézolle este índex de caixeiros automáticos totalmente gratis.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Desigualdade, «vade retro»!