Cada vez somos menos

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

EDUARDO PEREZ

18 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este é o noso principal problema. Non é a primeira, nin a segunda, nin a terceira vez que falamos da cuestión, e este xornal vén dedicando ciclicamente traballos, reportaxes e enquisas que o denuncian.

A viabilidade dun país sostense fundamentalmente sobre a súa poboación, sobre a capacidade de renovación xeracional, recursos humanos necesarios para afrontar calquera proxecto de futuro.

A poboación, a famosa pirámide que entre nós hai tempo que empezou a mudar en copa ou xarrón chino, cada vez máis estreita na base (habitantes de menos de 10 anos) e cada vez máis ancha no cume (os vellos), é causa e, ao mesmo tempo, consecuencia do que sucede, razón primeira e última, círculo vicioso que xira e volve sempre ao principio.

Falamos de que perdemos falantes (de galego), por exemplo, ou de que estamos a perder lectores, por non falar de ámbitos máis determinantes: forza de traballo, iniciativa laboral, emprendedores con capacidade de risco, recursos na Galicia rural, capacidade para explotar esa riqueza ou para recadar diñeiros que financien infraestruturas e novos desenvolvementos, etc. e acabamos sempre no mesmo: a necesidade de masa crítica, un mínimo necesario de poboación coa que soster o edificio.

O noso mercado interior (os consumidores) merma aceleradamente, igual que merman os recursos dispoñibles para sostelo, e merman, xa que logo, as nosas capacidades obxectivas para proxectarnos cara ao exterior.

No xornal de onte, os compañeiros de La Voz formulan unha pregunta: «¿Por que non temos máis fillos?». Mesmo que nos puxésemos agora a producir crianzas aceleradamente, que non parece o caso, tardariamos varias décadas en recuperar o equilibrio. Estamos a piques de cruzar a raia de crecemento a partir da cal é imposible virar a tendencia.

Hai especialistas que saben disto máis ca min. ¿Cómo afrontar xa que logo o futuro, se é que queremos futuro?

Houbo un momento en que se falou en serio de atraer poboación: os fillos e os netos da Galicia que un día marchou polo mundo, por exemplo, que se cadra poderían atopar aquí o que os nosos avós atoparon aló. Ou unha política de incorporación de poboación doutros países para desenvolver áreas específicas, como o rural, por poñer un caso.

Xa procurariamos daquela integralos na nosa cultura, na nosa maneira de ver o mundo, como xa sucede nalgunhas comarcas.

Pero para iso hai unha cuestión previa fundamental: o país ten que resultar atractivo. Non só polo ben que se come, senón polas expectativas que ofrece para os que poidan vir (ou regresar).

Falamos, pois, de política, de economía, de planificación a medio e longo prazo, de investimentos na familia e na conciliación, falamos de apostas polo capital risco, cuestións todas que nos comprometen e que seguramente merecen menos retórica e máis ambición: un gran pacto estratéxico que nos permita avistar horizonte.