Sacar a carauta

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

18 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Habíamos sacarlle a carauta a todos, descubrilos. Hainos a ducias! Onde estaban agochados ata o de agora? Nacen baixo as pedras? Nunca se soubo de tantas desgrazas como esta tempada. Día tras día sumamos delitos de violacións. En grupos, en solitario, de xente reincidente, dos que nada se sabía, de homes que acumulan anos no seu DNI, de rapaces que non alcanzaron nin a maioría de idade... Ata nos centros escolares! No caso das violacións grupais ata chego a pensar que comezar a falar delas lles dá azos a novos grupos, como se se sentisen acosados eles por denuncialos, como se quixeran facerse máis fortes e facernos ver que non imos poder con eles. Pois nada máis lonxe. Claro que habemos poder con eles. Temos que erradicar este tipo de condutas, condenar a quen as comete. E xa. Estamos en tempo de Entroido, de converternos en quen queiramos, de agocharnos baixo un disfrace e ser, por un momento, iso que non nos atrevemos durante o resto do ano, ou o que desexamos, o que nos gustaría... Sempre é tempo de quitarlle a carauta aos violadores, aos agresores, aos violentos e aos culpables de calquera delito. Non perdamos un segundo máis. Non podemos permitirnos ese luxo. Cada violador que quede oculto é unha posible vítima máis, ou moitas! É polo que non podemos deixalos pasar impunes. Temos que desenmascaralos, arrincarlles a carauta e non permitir que continúen facendo dano, arrasando confianza... devastando vidas e segando liberdade. Non. Nin unha máis. Fóra carautas.