Os papeis do Pentágono: liberdades e historia

Lourenzo Fdez. Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

13 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A película de Spielberg sobre o famoso episodio dos papeis do Pentágono ou McNamara -polo nome do secretario de Defensa norteamericano- rescata coa mestría do bo cinema político un episodio dos conflitos pola liberdade. Con toda a fanfarra de John Williams para os momentos épicos. O filme trata dos xornais e a súa independencia, do valor da prensa na sociedade plural e do compromiso coa verdade e a liberdade de información. Resúmese nunha frase do Tribunal Supremo ao dirimir o conflito entre a prensa e Nixon: «A prensa libre está ao servizo dos gobernados, non dos gobernantes». Esa é a solución ao dilema que propoñen os responsables de The Washington Post, despois de resolver a dúbida na que se debatían. Outro asunto de fondo calado percorre a película: a consideración polo pasado e o tratamento académico do mesmo nas sociedades democráticas. O guión descóbrenos cómo os norteamericanos -os americanos en xeral- procuran preservar e gardar todo o presente para lograr ter máis pasado. O escándalo narrado reside na filtración dun informe encargado polo propio secretario de Defensa en 1967, para coñecer a verdade do tratamento do asunto de Vietnam polos diferentes gobernos dende Truman. Quere coñecer o comportamento das sucesivas administracións naquel afastado país, onde están librando unha guerra con inmensos custos humanos, económicos e simbólicos, para tirar conclusións políticas e actuar. Sobre todo quere deixar documentado todo o que fixeron os EUA para o futuro estudo académico de historiadores, politólogos e outros expertos. Convencidos de que poden aprender do pasado e evitar erros no futuro. Esa é a razón de que os seus arquivos sexan a xoia onde os historiadores podemos atopar rexistrado todo o pasado das administracións, incluída a documentación de intelixencia segundo se desclasifica. O empeño español en esquecer o pasado, non gardar os rexistros do presente máis próximo e mesmo destruílo marca unha diferenza tan evidente que merece reflexión. Non todo o mundo coñece que a lei franquista de segredos oficiais foi endurecida na década de 1980, no marco da guerra sucia contra o terrorismo, e posteriormente aproveitando a Lei de Protección de Datos. ¿Que consecuencias ten iso? Comparen co caso McNamara e tiren conclusións. Aínda peor é o continuo deterioro e destrución de arquivos e, polo tanto, do pasado que informan: arquivos dos pazos, familiares, persoais, documentación xudicial histórica revolta en depósitos cheos de humidade... e suma e segue. Arquivos enteiros destruídos por quen tiña obriga de conservalos, como o das Hermandades de Labradores de Pontevedra. Envexamos os National Archives de Washington, pero tamén os Public Record Office británicos. Aquí o mellor son os arquivos militares, nunca abandonados, nin tocados nin espoliados. A diferenza con América é un problema de cultura do pasado, aprecio pola Historia pública, continuidade do liberalismo e a administración demo-liberal (aquí rota por corenta anos e as súas secuelas) e, por suposto, de abundancia de Historia nosa e escaseza da americana, porque alí non contan máis que o tempo europeo en América.