Orxías benéficas


A prensa vén de sacar á luz un escándalo repugnante: altos cargos da oenegué Oxfam e traballadores da mesma organizaron e participaron en Haití en orxías con prostitutas e abusaron de menores, mentres o país tentaba sobrevivir ao terrible terremoto de 2010. Todo pagado con diñeiro da organización e sen máis consecuencias ca tres dimisións e algún despedimento, e mantendo en segredo as denuncias recibidas sobre outros moitos abusos sexuais. Os medios ampliaron a información, estendendo os abusos sexuais a outras organizacións, todas elas británicas. Estes feitos van prexudicar a moitos inocentes e van dar a razón a quen desconfía do papel benéfico das oenegués, malia que moitas delas realizan un labor admirable e altruísta, ás veces mesmo con risco de morte para os seus membros.

 Estas organizacións exercen ademais unha función crítica sobre a política social dos seus países, e sería lamentable que se aproveitase este escándalo para acalar unha voz incómoda. Pero tamén sería lamentable que, para evitar outros males, se botase terra sobre o asunto, ocultando as evidencias de corrupción.

Coido que o castigo polo que sucedeu en Haití debe ser exemplar e disuasorio, e Oxfam terá que asumir o descrédito e as subseguintes perdas económicas. E o mesmo digo das outras organizacións humanitarias que foron denunciadas.

Na súa man está recuperar o crédito e as axudas financeiras traballando ben, con transparencia, cunha coidada selección dos seus membros e unha permanente vixilancia das normas éticas.

Votación
48 votos
Comentarios

Orxías benéficas