Política xudicializada

OPINIÓN

05 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Paréceme que se pode adiantar que a política do Goberno que dirixe Mariano Rajoy -e tamén a dalgúns que quixeran gobernar- vai seguir sendo non facer política, que para iso están os xulgados. O malo de esa decisión é que, como os mesmos xuíces teñen sinalado, un problema político só se resolve con decisións políticas, non con resolucións xudiciais.

Pero, neste momento, todo suxire que os ventos semellan estar virando para outra banda: xuíces e asociacións empezan a sentirse cansos de seren utilizados polo Goberno para agachar a súa nugalla política, xa que esta contribúe, entre outras causas ben coñecidas, a que a sociedade teña da xustiza unha idea moi negativa, porque o que ve nos medios -os procesos de carácter mediático- pouco ten que ver coa xustiza de cada día, nada mediática, escasa de medios e non sempre ben retribuída.

Trátase dun colectivo, o xudicial, que se sinte maltratado polo Goberno, polo goberno dos propios xuíces e polo titular do ministerio encargado do ramo, o señor Rafael Catalá. E que, enriba, ten que apandar coas dúbidas que os macroxuízos orixinan na sociedade, que non comprende certas resolucións dos tribunais ou, entre outros exemplos, a selección dos máis altos cargos xudiciais.

Recentes informacións de dous diarios (El País, 29 xaneiro e Público, do día 1), fixeron públicas supostas presións do Goberno sobre algúns maxistrados do Tribunal Constitucional Español, e casos de xuíces que se consideran utilizados, inxerindo datos que deberan preocupar a todos e que, salvo erro, de ningún desmentido oficial foron merecentes desde a súa aparición.

Pois nunca pode dar bos resultados non dar a cara e agachala baixo as togas. Se os ventos comezan a virar, como suxerimos, ben faría o Goberno de Mariano Rajoy, e os demais, en estar atentos ás súas motivacións, non vaia ocorrer que os ventos se volvan trebón e queden fora de control. Cousas máis sorprendentes se teñen dado.