500 anos da Reforma Protestante

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

28 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Di a tradición que, entre outubro e novembro do ano 1517, o frade agostiño Martín Lutero espetou na porta da igrexa do pazo de Wittenberg a súa Disputatio pro declaratione virtutis indulgentiarum, máis coñecida como as 95 Teses, documento dirixido á igrexa de Roma para abrir unha disputa teolóxica arredor da significación das indulxencias e o tráfico económico das mesmas, o que se considera principio da chamada Reforma Protestante. En outubro/novembro do pasado ano cumpríronse, xa que logo, cincocentos anos daqueles sucesos que tan profundamente marcaron a historia de Occidente. Os historiadores, os sociólogos, os estudos da ciencia política, mesmo algúns economistas, filósofos e teólogos subliñan estas datas coma o principio dun novo tempo, que deu pé ao desenvolvemento do capitalismo moderno (Max Weber), novas formas de relación entre o individuo e Deus (liña directa, sen intermediacións), novas formas de difusión e acceso á cultura (a tecnoloxía Gutenberg) e incluso novos conceptos de soberanía cara ao que logo serían as formas modernas da democracia. Argumentos abondo para non deixar pasar a data desapercibida, aínda que esta marea a evoque con certo retraso. O Papa León X, segundo fillo varón de Lorenzo de Medici, obsesionado por facer máis grande, máis rica, máis poderosa e magnífica a igrexa de Roma, puxo en funcionamento todo un sistema de tráfico de indulxencias para conseguir recursos económicos cos que finanzar o embelecemento do Vaticano. Espellos que nos amosa a Historia. Mercando indulxencias os católicos garantían a salvación, mesmo o perdón do pecados sen pasar necesariamente polo arrepentemento e as penitencias da confesión. Desa maneira o Vaticano empetaba cartos para pagar obras, arquitectos, boatos e ostentacións. A Disputatio de Lutero cuestionaba estas prácticas, abría un debate teolóxico, enfrontado en parte coa orde dos dominicos, e denunciaba o abuso de poder que significaba utilizar a Deus e a salvación das ánimas dos crentes (a súa boa fe) para servir os intereses do gran aparato eclesiástico, as razóns terreais da riqueza da igrexa de Roma. Busque o lector no dicionario a palabra «simonía».

Sei que hai interpretacións diversas da significación dos feitos, mais a partir daquelas datas a Reforma Protestante empeza a pregoar o diálogo directo do ser humano coa divinidade, sen intermediación de terceiros, apoiándose básicamente na lectura da Biblia (revolución lectora dunha parte importante de Europa), a lingua alemana substitúe o latín nese proceso de comunicación, a iniciativa individual do traballo prémiase coa riqueza, a soberanía do individuo participa no poder a través da representación do voto... Espellos que nos amosa a Historia, repito. A Martín Lutero escomungárono en 1821. Mais as súas propostas (e protestas) cambiaron o mundo.