A soidade e a vellez, temas de Estado


No Reino Unido, os membros do Goberno que preside a señora Theresa May acordaron crear unha Secretaría de Estado contra a Soidade. Seica no país cóntanse ata nove millóns de persoas que viven soas -naturalmente, a meirande parte xente maior- e que, segundo os expertos, precisan dunha atención especial

Non tiven esa impresión este verán durante unha estadía en Londres, nunha cidade tan multicultural, pero vese que era unha observación enganosa de visitante. O certo é que hai demasiados ingleses sós nos seus fogares, detrás de moitas desas espléndidas fachadas vitorianas, e a vellez e a soidade convértense en asuntos de Estado.

Era de agardar. Vivimos nunha sociedade cada vez máis envellecida, non hai máis ca ollar arredor de nós, e non obstante non se lles está a prestar a debida atención aos nosos maiores. Ese paradoxo. É triste, pero é así. O Estado ten que se ocupar dos vellos porque quizais a sociedade -que somos nós- non se preocupa demasiado. E escribo «vellos» con toda a intención, tamén co maior respecto e agarimo. Vello é unha palabra fermosa, acertada, pero agora tamén nos afastamos deles coas palabras porque falta o afecto e talvez a consideración, e se lle restamos ese sentimento entón si, é unha palabra baleira, fea, okupada pola soidade. Porque nas palabras tamén hai okupas.

Demasiada présa hoxe en día, velocidade de máis para irmos, ao cabo, cara a onde? A ningures. Acaso tamén demasiada vida virtual. Non sei. Non chega o tempo para nada, e menos para conversar cos nosos maiores, escoitalos; gastamos as horas diante do televisor e moitas máis aínda pampos nas pantallas táctiles, nesoutro mundo virtual.

Lembro as verbas dunha rapaza -sintomáticas destes nosos días- que me quedaron gravadas na memoria este pasado Nadal. Foi o día da cabalgata de Reis. A ela preguntáronlle cal dos tres magos lle gustara máis: «Ningún -soltou-, son demasiado vellos». Acordáronme os avós.

Algo falla tamén en nós.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

A soidade e a vellez, temas de Estado