Galicia: que turismo deberiamos querer?

Elvira Lezcano TRIBUNA

OPINIÓN

19 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O turismo creceu no 2017 e seguirá facéndoo no 2018 no noso país. Esas son as previsións. Ao pensarmos no devir do turismo na nosa comunidade resulta difícil non caer nos tópicos habituais. Pero sen dúbida, moitos deles terán que ser abordados se non queremos «máis do mesmo».

En primeiro lugar, o éxito segue a medirse en cifras cando a chave debería estar na calidade. Esta ten mellorado moitísimo nos últimos anos, se ben queda moito por facer. Segundo, que queremos ofrecer ás persoas que nos visitan? E, o que é máis importante, como queremos ofrecelo? Insístese moito na especialización, en crear ou inventar compartimentos e tipoloxías turísticas que ás veces non levan máis que á estandarización. Terceiro, temos os recursos, o que consideramos a «materia prima» do turismo, iso é indubidable, pero, en que condicións? Como está conservado o noso patrimonio? Patrimonio con maiúsculas, non unicamente referido a aqueles lugares con gran significado monumental ou ambiental. Enlazamos así cun cuarto aspecto, o da profesión turística. Galicia pode presumir da presenza de moitos profesionais moi ben formados e cada vez máis pegados á realidade do mercado turístico. Profesionais aos que non se lles recoñece sempre a súa valía no sector, nin son ben pagados. En quinto lugar, por tanto, cómpre facer unha chamada á necesidade de xestión e planificación e non tanta promoción. Ponse moita máis énfase nesta última en detrimento das dúas primeiras. Imaxinemos que eu teño una casa preciosa, cun xardín e un salón marabillosos, onde cabe bastante xente e se me ocorre invitar a moitas persoas a xantar. Teño espazo, teño a beleza e o acolledor do lugar, materias primas para facer unha boa comida, incluso persoas que me poden axudar. Pero nun momento dado dígolles que non me fai falla axuda nin organización, que o importante é que eu invite e proclame as bondades e belezas da miña casa e a miña comida...

En definitiva, que turismo deberiamos querer? Aquel que sexa pensado segundo parámetros de calidade antes que de cantidade, que se diferencie ou en todo caso complemente a outros, que implique a conservación, o coidado, a protección, a valoración e a axeitada xestión dos recursos, que dignifique e revalorice a profesión e o factor humano sen o cal o turismo non existiría, pautado por una boa planificación e xestión, e que sexa socialmente responsable, mantendo en equilibrio á poboación local, ás persoas en actitude turística e aos axentes implicados en ofrecer os seus servizos.