A ilusión do entroido

Antón Riveiro O ESPOLÓN

OPINIÓN

18 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces cavilo na posibilidade de que a miña condición de escritor, de vestir a pel doutros personaxes, estea emparentada de xeito directo co feito de ser precisamente de Xinzo, onde a tantos nos gusta o disfrace, o travestismo do Entroido. E si, poida que escriba para ser o que non son, ou para ser o que son doutra maneira. Iso tanto dá.

O que importa de verdade a estas alturas é que esta semana bota a andar o noso Entroido e, coma se fose unha cuestión de músculo ou tamaño, volvemos gabarnos da festa máis longa de Galicia.

O orgullo non é para menos porque, cando alguén me pregunta pola arte que se pode visitar na miña vila, sempre digo que os mellores monumentos que hai en Xinzo son o Entroido e a historia dun río que nace morto e morre vivo. Hoxe a palma lévaa esta festa, feita de xeito colectivo, un ben inmaterial perfilado pola imaxinación da xente da Limia e tamén da de todos aqueles que, ano tras ano, acoden á cita dende diversos lugares do mundo para exorcizaren as súas penas e deixar o seu grao de enxeño nesta construción constante, en continua transformación.

Coido que o segredo do éxito desta festa está en transmitírllela a eses nenos que interiorizan os símbolos e a asumen coma un herdo sentimental. Lembro a emoción previa aos días de Entroido, ao par dos amigos, facendo engrudo para empapelar as pantallas antes de as pintarmos.

Se pecho os ollos chega a min o cheiro da pintura mesturado coa pegada graxenta desas vinchas que curan, coma globos terráqueos, nos lareiros dos chourizos. E, cada noite, antes de durmir, volvo fregar esas campaíñas que xa eran de meu bisavó e teñen un escintileo apagado e vello, si, pero que aínda conservan o son afinado que lle puxo música aos Entroidos de varias xeracións da miña familia. E a ilusión continúa...