Un país asilvestrado

OPINIÓN

16 ene 2018 . Actualizado a las 17:05 h.

En xeral, penso que é certo, que somos un país agreste, primario, de visceralidade manifesta. A escala de matices de que botamos man é moi escasa, cando non nula. De aí a imaxe de sectarismo, mesmo de afección futbolística, cando exteriorizamos opinións e comportamentos.

Estou convencido ademais de que os políticos que temos, tan primarios, teñen contribuído, e de maneira eficaz, a aguilloar ese fondo natural, esa especie de substrato, remexendo ese encoro, ás veces mesmo escuro e complexo, que por natureza agochan en cadaquén. Penso tamén que eles axudaron a ensanchar e avivecer ese encoro, como furgando nun nespreiro. E fixérono coa seguridade de que os resultados lles favorecerían. Pero nunca lles preocupou recorrer á pedagoxía que toda política grande comporta. Iso non era cousa súa.

As intervencións dos políticos, sexan no Congreso ou sexan noutros actos, solemnes ou non, poucas veces van dirixidas a esclarecer o problema, senón máis ben contra do adversario -o inimigo-, que se senten na obriga de ridiculizar e de silenciar. E sempre con xesticulacións e barullo que subliñen as súas afirmacións.

Xa non vale dicir que iso é debido aos corenta anos de ditadura pasados. Levamos xa máis de corenta de democracia e non se ve volta en nada de nada. Preocupa ler artigos nos que abertamente o autor di que prefire ser cidadán de calquera outro país, porque non se sente orgulloso deste, no que ás veces convivir segue sendo difícil.

Claro que non toda a culpa se pode apoñer aos políticos e á política, se ben é a máis visible de todas. Por exemplo, os que impediron a educación para a cidadanía poden ser tan culpables ou máis. Os exemplos non se esgotan aí. Iso é o malo: que a política grande, sempre pedagóxica, segue ausente. Infelizmente.