A culpa... a quen?

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

12 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O peor de todo é que non nos tomen en serio, que xoguen con nós, que sexan irrespectuosos, ou irresponsables... ou que só lles preocupe non quedar coa culpa e cargárllela a outros. Non. O que hai que facer é solucionar os problemas. Poñerse diante deles e buscar unha solución.

A culpa de que neve, e neve moito, só é de San Pedro, que ten as chaves do ceo. Pero... o resto do pastel da culpabilidade, como o repartimos? Pois aí andan todos. Os usuarios, que veñan as máquinas quitar a neve (do que xa dei a miña opinión); o goberno di que ten que ser cousa da concesionaria; este culpa de que unha persoa estivese en Nadal fóra do seu posto de traballo, en Sevilla; e logo están os da Dirección Xeral de Tráfico.

Conclusión... De quen é a culpa neste caso?

Pois un pouco de todos, supoño.

Avisouse a tempo nos paneis informativos? Se non é así, xa temos culpables. Houbo usuarios que, aínda así, decidiron entrar na autovía, sen cadeas? Máis erros.

E as vacacións. Todos temos dereito a gozalas, e non por iso se para o país, non? O que non podemos é pechar o chiringuito, pero non pode depender só dunha persoa. Hai técnicos, ou non?

Noutras entidades si, eses que propoñen un kit de supervivencia. Iso si, un conxunto que debe ocupar medio maleteiro do coche, como pouco.

Ah, non, que logo decatáronse de que era mala opción, e borraron a proposta das redes no que dura un suspiro. Sen pedir desculpas por todo iso nin nada, claro... Con tal de que non apareza o tema de novo, asunto resolto! Pois non.

O que quero non é unha culpa, o que quero é unha solución.