A cabalgata dos Reis Magos en Mondoñedo

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

07 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu nunca lles vin a cara aos Reis Magos porque en Mondoñedo non había cabalgata. Os nenos tiñamos que deitarnos cedo e ter moito coidado de non levantarnos durante a noite do 5 de xaneiro, porque os Magos, se nos atopaban andando pola casa, enfadábanse e levaban os xoguetes. O misterio e o sixilo máis absoluto rodeaba a súa chegada; ninguen nos explicaba como podían entrar na casa e repartir xoguetes a todos os nenos do mundo: chegaban, desaparecían e xa está.

E creo que estaba ben, os nenos non necesitan máis, bástalles e sóbralles coa súa inocencia e a súa imaxinación. Iso evitaba o que agora pasa, que temos que explicarlles que os Reis Magos poden estar en varios sitios á vez, é dicir, que son ubicuos, calidade que antes só atribuíase á Divinidade, e ademais son proteicos, é dicir que cambian de cara , como calquer neno pode ver nos telexornais que retrasmiten as cabalgatas das distintas cidades. E os nenos, pobres anxos, din, como un dos meus netos: son como os camaleons. E eu dígolle: pois si… E nunca pasaría daquela o que pasou en Madrid este ano, que os Reis paseáronse baixo unha choiva torrencial tentando manter o sorriso. En Mondoñedo, cando chovía en Semana Santa, as procesións aprazábanse ou non saían, igual que fan agora en Sevilla.

A Igrexa ten séculos de experiencia e sabe que cando dá en chover, nin Deus o para, así que protexe as súas imaxes. E os turistas van tomar viño, e outro ano será. Pero aos alcaldes fáltalles esa experiencia de séculos e empéñanse en lucir o seu espectáculo, e nunha destas vannos a matar en directo os Reis Magos de neumonía. Así é a vida.