Un ano en branco para o emprego en Galicia


Secretaria de emprego de CC.OO.-Galicia

Remata un ano e toca facer balance. Do mercado laboral, neste caso, cadrando coa publicación das estatísticas relativas ás persoas inscritas como paradas nas oficinas dos rexistros públicos de emprego. Galicia rematou o 2017 con máis de 185.000 persoas no desemprego, un dato moi preocupante se temos en conta que a economía está a medrar -de momento- por riba do 3 %, mentres que o emprego só o fai a un 2,25 %. Isto é, o noso modelo produtivo non é capaz de transformar en emprego os incrementos da produción, o que pon de manifesto as súas debilidades.

Malia ser certo que o paro se reduce no último ano en todos os sectores, especialmente en actividades de baixo valor engadido, desde CC. OO.-Galicia non o podemos avaliar como positivo, porque o emprego creado segue a ser de moi baixa calidade.

No 2017 bateuse un récord de contratos rexistrados: 1.020.962 nun só ano, dos cales case 950.000 son temporais. Se a isto engadimos que, por termo medio, máis da metade dos contratos temporais iniciais asinados en 2017 duraron menos dunha semana, e que a contratación a tempo parcial non desexada ten un maior peso cada día, teremos unha definición moi axustada do mercado laboral galego: pre-ca-rie-da-de.

A precariedade tamén leva implícitos baixos salarios: no 2016 -último dato coñecido polo IRPF- máis de 300.000 galegos e galegas declararon ingresos salariais por baixo do SMI -655,20 euros ao mes nese ano-. A situación no 2017 seguro que non foi mellor. Nestas condicións non se pode desenvolver un proxecto de vida e estase xerando unha nova clase social: a dos traballadores e as traballadoras pobres.

Un contrato temporal ou a tempo parcial tamén implica menos dereito para a protección por desemprego: en novembro, máis de 79.000 persoas desempregadas que traballaron con anterioridade carecen de prestacións por desemprego, e un 58 % das que se perciben son de carácter asistencial. Esta situación tamén implica peores pensións de xubilación futuras.

Por estas razóns, CC. OO. considera o 2017 un ano en branco en materia de emprego, un ano perdido, no que non se consolidou o crecemento económico nin se dotou de calidade o emprego.

Para mudar a situación cómpre cambiar o modelo produtivo para que xere emprego de calidade, potenciar a negociación colectiva e mellorar os salarios e as pensións. Tamén, unha reforma fiscal progresiva -no Estado, pero tamén aproveitando as competencias autonómicas- que permita recuperar o investimento produtivo e aumentar a protección social, especialmente das persoas que padecen as consecuencias negativas da crise.

Por Maica Bouza Secretaria de emprego de CC.OO.-Galicia

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Un ano en branco para o emprego en Galicia