Xenocidas e a xustiza poética
Fascíname a faceta escénica dos xenocidas. Nerón tocando a arpa ante o incendio de Roma. Magda Goebbels asasinando os seus fillos para que non vivisen nun mundo sen nacionalsocialismo. Kim Jong Il chorando o día que Madeleine Albright, daquela secretaria de Estado dos EE.UU. en visita oficial a Corea do Norte, lle deu coma agasallo un balón de baloncesto asinado polo seu ídolo, Michael Jordan. A xigantesca estatua de ouro en Asghabad do ditador do Turkmenistán Niyázov, que, por suposto, ilegalizou a ópera, o ballet e o circo. E agora este señor (un dicir), Slobodan Praljak, o xeneral bosniocroata que, ademais de voar a ponte otomana sobre o Neretva en Mostar, foi responsábel dunhas 1.000 mortes, por non falar de violacións, traballos forzados, torturas e outras lindezas que se agochan baixo unha sentenza do 2013 sobre crimes de lesa humanidade.
Un santiño que, por certo, era tamén escritor e director teatral. No xuízo por apelación, mentres escoitaba a súa segunda condena, escenificou un suicidio por autoenvelenamento, que xa se converteu en carne de meme.
É a forma contemporánea da xustiza poética. Non estamos para admitir certas cousas, nin solucións de deus ex machina pola vía rápida a través dun suicidio que ten de estoico o que eu de geisha. Os nosos modos de comunicación posmoderna colocaron a Slobodan Praljak no lugar que merece, o da indignidade de se ver convertido en obxecto de sarcasmo, o da covardía de non se atrever a lidar con vinte anos de cárcere despois do xenocidio que avergoñou a Europa. A morte non debe servir para correr un respectuoso veo sobre a maldade.
Comentarios