Nacionalismo trasnoitado

OPINIÓN

04 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O nacionalismo é unha vella doutrina política de onte pero xa non de hoxe. O mundo moderno é xusto o máis oposto que se pode imaxinar a aquel no que o nacionalismo privou, despois da caída dos catro grandes imperios austrohúngaro, otomán, alemán e ruso, especialmente os dous primeiros, tempos do seu esplendor. Foi un pensamento de orixe romántica, que se materializou nos primeiros anos do século XX, aínda prolongación do anterior. Pero o mundo foi camiñando cara a unha interdependencia cada vez máis forte, de sorte que no noso tempo falar de países soberanos non deixa de ser unha utopía trasnoitada -nacionalista, isto é, decimonónica-, posto que as necesidades foron creando unións supranacionais con soberanías compartidas para cuestións como defensa, economía, comercio, investigación científica e outras.

Queiramos ou non, o noso mundo está mergullado nesa realidade. Descoñecela sería de ilusos, como lles ocorreu aos mozos do procés. Os problemas vivos das comunidades só poden ser resoltos dentro do mundo a que pertencen e nunca fóra ou en contra del. ¿Que é difícil? Todo o importante o é.

O federalismo dá solucións claras e precisas para o caso. Non é certo que haxa moitos federalismos. Para min só é federalismo aquel que é garantía das minorías, que permite un pacto en igualdade -sen un pacto entre iguais non hai federalismo- e non supeditado a tutelas, e estimule, lonxe de impedir, liberdade, pluralidade e igualdade.

O federalismo, dixo De Rougemont, é un sistema flexible e en constante reaxuste de distinguir entre o que debe ser posto en común para mellor funcionar e o que debe ser autónomo para mellor vivir e crear. Algo tan sinxelo e tan difícil, porque esixe o que non hai: finezza política.