Avelino Díaz, poeta reivindicado


Naceu no lugar da Travesa, da parroquia de Órrea, no concello de Riotorto (Lugo), o 14 de novembro de 1897, e emigrou aos trece anos a Bos Aires, onde faleceu en 1971. Nunha carta de 1936 a Filgueira Valverde comunícalle: «Meu pai, cuxo apelido non levo, tivo, fai xa tempo, certa sona como poeta festivo (Manuel María García Castro) escribindo en galego e en castelán…» Da nai conta que foi «homilde traballadora do agro». Así pois, o noso emigrante, como tantos que non naceron en berce dourado e que recibiron pouca instrución escolar, procurou novos horizontes na diáspora, onde se fixo ávido lector, curioso de saberes e admirador dos que pensaban Galicia con nobreza e idealismo. Por iso foi amigo e admirador de Castelao, ao que cantou en once poemas conmovedores. Fillo dun celebrado fistor, foi perfeccionando a súa poética, case sempre cunha clara intención ética. Cónstame que era un home bo e un cidadán benéfico. Na carta a Filgueira defínese deste xeito: «A obra do poeta debe ser social, idealista e humana». E así foi a súa obra, recolleita, en parte, en catro volumes: Flor de retama (1947), Debezos (1947), Pallaregas (1963) e Once poemas a Castelao (1975).

Poeta de evidentes virtudes e notables acertos, ten tido moi pouca sona en Galicia (non así na colectividade galega de Bos Aires nos seus últimos anos). Pero desde hai algún tempo os seus versos bateron, entre nós, cun lector que non tardou en converterse, esteticamente, nun lector entusiasta e, eticamente, nun reivindicador. O lector, que é filólogo e profesor universitario, chámase Benigno Fernández Salgado e leva anos visitando arquivos e bibliotecas, dentro e fóra de Galicia, sempre á procura dun xornal, dunha revista ou dun raro opúsculo onde figure algún texto do noso poeta para, no seu día, editar a súa opera omnia. Eu atopeino en maio do ano 2016 en Bos Aires consultando, apaixonado, os fondos hemerográficos do Centro Galego, da Federación de Sociedades Galegas e outras institucións da nosa diáspora porteña.

Xa contamos cun primeiro capítulo, o volume 14 poemas, publicado por Editora 3D1T0R4 (2017). Son os catorce textos que lle enviou, en 1936, a Filgueira, para a súa Antoloxía consultada, que durmiu inédita ata 2008, ano no que exhumamos esta importante obra a profesora Ana Acuña e mais eu (Museo de Pontevedra). A edición do profesor Fernández Salgado é pentalingüe: galego, alemán, castelán, francés e inglés, tarefa na que contou con excelentes profesionais da tradución. As notas do profesor -moitas páxinas- sobre variantes das distintas versións dos poemas e a información sobre as edicións en revistas e libros son un alarde de erudición e de amor a este poeta que acaba de atopar o seu axeitado reivindicador.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Avelino Díaz, poeta reivindicado