As augas en tempo de escaseza

Uxio Labarta
UXÍO LABARTA CODEX FLORIAE

OPINIÓN

30 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aló polo 1996 publicouse por parte do Consello da Cultura Galega un estudo pluridisciplinario sobre as augas de Galicia. Abríase, antes do limiar, coa Carta Europea da Auga, que fora subscrita polo Comité de Ministros do Consello de Europa en maio de 1968. Ese acordo, entre a súa ducia de ítems, recolle que para a boa xestión da auga precísase dun plan elaborado polas autoridades competentes. Correu tempo tanto dende a proclamación da carta como da publicación do estudo do Consello sobre as augas de Galicia.

Dende xaneiro de 1987 a Xunta de Galicia ten asumidas as competencias en tema de augas nas concas comprendidas entre os ríos Eo e Miño, ambos exclusive. E abofé que nestes anos se lexislou, creouse Augas de Galicia como ente xestor e desenvolvéronse infraestruturas e máis plans hidrolóxicos, e mesmo tributos sobre do uso e depuración do líquido elemento.

Mais nada diso evitou que Galicia entrase en prealerta por secas, tanto na zona exclusiva de Galicia-Costa como naquela da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, logo de que xa o ano pasado fose o máis seco dende 1981, seca que foi a máis neste 2017.

Se vai para un ano que levamos en prealerta por seca e chegamos xa nalgunhas zonas a non ter auga máis que para cen días, é obvio que a situación chegou ao límite.

Certo que mesmo na administración e xestión hidráulica de Galicia-Costa se anunciárase un investimento de máis de 500 millóns de euros até 2021, pero as imprevisións e mais os déficits na xestión da auga ou no seu mercantilismo, xunto con escenarios climáticos non previstos, ou nos que non se acreditou abondo, leváronnos a unha situación de risco para a poboación e mais para a nosa economía. Son colleitas botadas a perder, estragos no gando, limitacións industriais, efectos perversos na fauna dos ríos e na acuicultura da troita, encarecemento da enerxía eléctrica e, xa que logo, limitacións no uso doméstico.

Anunciado estaba que a auga é un ben de difícil substitución e, por iso, a súa dispoñibilidade marca os límites das poboacións até se converter no factor determinante da evolución da humanidade. A certeza do cambio climático e a súa incidencia nos ecosistemas galegos impoñen desenvolver análises e previsións máis sólidas para os tempos que veñen daquelas que se puideron facer até agora. Porque da consistencia delas dependerá que sigamos choscos, ou non, para responder ao porvir.

Galicia é o pais dos mil ríos, e mesmo do imaxinario da chuvia. A auga en Galicia é fartura, cultura, e tamén mitoloxía. Acorden de ler a Antonio Fraguas ou ao profesor Río Barxa e saberán da auga. Sobre todo nestes tempos nos que sufrimos a súa escaseza, como se Galicia xa non fose aquela Galicia. Se cadra foi por non saber. Ou por non acudir ao Clamor nas terras do Deza.