A estraña campaña catalá

Miguel Anxo Bastos Boubeta FIRMA INVITADA

OPINIÓN

24 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira vista, as eleccións de Cataluña poden parecer uns comicios polarizados en dous bloques antagónicos e moi disputados despois do que aconteceu pero, ao final, non deixan de ser unhas eleccións máis. Por un lado, un bloque constitucionalista que buscaría acadar unha maioría suficiente para desactivar o perigo independentista e facer respectar os valores constitucionais; por outro lado, outro bloque, neste caso independentista, que buscaría manter vivo o sagrado dereito do pobo catalán a decidir o seu destino de forma soberana. Aínda que ambos bloques aparentemente desexan deixar clara a súa vitoria, na realidade dentro de cada un dos dous hai partidos que desexan que esta non sexa determinante. Primeiro porque a verdadeira competencia non é entre bloques, senón dentro deles, e se algún deles gañara sen a bisagra de Cataluña en Comú podería morrer de éxito. No espazo constitucionalista a suma dunha maioría absoluta de PP, Ciudadanos e PSC, presumiblemente liderada por Ciudadanos, que os colocara en circunstancia de ter que pactar e gobernar, situaría ao PP e ao PSOE estatais na tesitura de ter que consolidar a unha forza, que moi especialmente para o PP é o seu principal rival electoral. Ao PP non lle convén consolidar a un Ciudadanos triunfante e prestixiado pola derrota do soberanismo. Ao PSOE de Pedro Sánchez tampouco lle conveñen especialmente os pactos coa dereita. Sería rapidamente percibido como un partido máis do sistema e quizais reviviría a Podemos, algo que nestes momentos lle podería ser case mortal. De aí que parte da campaña se estea a dar en Madrid, con estraños pactos entre PP e PSOE que buscan deixar sós aos de Rivera.

No eido soberanista non pinta moito mellor. As relacións entre ERC e os agrupados na lista de Puigdemont non semellan ser moi boas, e aínda que parece que están a pactar uns compromisos mínimos, incluíndo a CUP, non teñen para nada a mesma estratexia. ERC parece decidida a gobernar, de aí o paso atrás de Junqueras (talvez para saltar con máis forza a medio prazo) mentres que a estratexia de Puigdemont é a de reivindicarse como presidente e poder negociar con forza unha saída. Pero unha vitoria clara dos independentistas levaríaos a ter que asumir o goberno de novo e buscaríalles leas, pois non parece que o de volver declarar a independencia estea entre os seus plans máis inmediatos. Primeiro porque desestabilizaría outra vez o país, e segundo porque podería ter de novo consecuencias penais para os hipotéticos novos gobernantes, algo ao que non parecen moi dispostos. É de temer que, ao igual que nas eliminatorias do fútbol nas que pasan ambos cun empate e non queren arriscar lesións, algúns xogadores non van xogar a gañar senón a amarrar. Creo que imos ter, por tanto, unha estraña campaña.