Teño unha fortuna

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

15 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño unha fortuna. Estou completamente convencida de que é así. Unha fortuna económica. Ou sexa, un monte de cartos. E non a vou cubrir de falsa modestia, non. Alégrame tela. Vaime axudar moito na vida, moitísimo. Así que tan só teño que intentar administrala ben. Descoñezo a canto ascende, porque aínda non a herdei, pero estou convencida de que, visto o visto, a min tamén me van deixar unha fortuna. Pode que sexa por parte de meus pais ou dalgún avó, pero seguro que a teño. Cando era pequena, o avó sempre me dicía que tiña no faiado un saco cheo de billetes. Xamais cheguei a velo, por iso meu pai ría e dicía que estaba cheo de labras... Disimulaba, confío en que fose certo. Vou herdar, coma os Pujol, do avó Florenci. O meu era o señor Barreiro, pero para o caso ha valer igual.

Tamén me vale se meus pais teñen un trust offshore xestionado en Suíza, coma o caso de Xavier Trias. Os pais, sempre pensando no futuro dos fillos, en facerlles a vida máis sinxela... Seguro que tampouco me confesan que son quen de dominar eses termos que non teño nin idea do que significan por non poñerme nerviosa.

Pero seguro que os cartos mos teñen gardadiños. Así que, eu ao meu. Hanme chover os euros. E, no caso de que isto supuxese algún problema, como todo o mundo ten cartos, hanme saír amigos polos currunchos todos para aboar a fianza de 400.000 euros, poñamos por caso, que me libere do cárcere. Ou vou ter menos sorte ca Ignacio González? Non sei de que se escandalizan.

É normal estar forrado.