Votación, mobilización, rebelión

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

14 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Converter en rebelión ou sedición unha mobilización popular carece de sentido democrático, histórico e xurídico, pero é posible. As interpretacións restritivas de dereitos e liberdades son posibles. Converter unha mobilización en plebiscito tampouco ten xeito en democracia porque para iso existe o mecanismo de votación. Pactar un referendo, aínda con sete anos de atraso, é o único que parece ter sentido. Estanse iniciando procesos contra políticos polo gravísimo delito de rebelión, tan grave que xa levou a varios deles á cadea incondicional sen fianza no arrinque do proceso e outros están fuxidos para evitala. Non hai aínda logo verdade xudicial nin sequera mínima claridade, pois no tribunal que se ocupa dos políticos aforados as decisións están a ser sensiblemente diferentes ás do que os enviou á cadea sen fianza. O que non impide que nalgúns tribunais da opinión pública interpreten decisións preliminares como condena e dean por feito a sanción do delito de rebelión. Un pouco de perspectiva viría ben neste caso e contemplar o asunto con certa profundidade histórica pode ser cívica e democraticamente saudable.

Sendo España un Estado con tanto intervencionismo militar como Francia (non máis) pero máis guerras civís que ningún outro, tivo sentido que o Código Penal, dende o primeiro de 1822, dedicara moita atención ás penas por rebelión e sedición armadas.

No código de 1870 indicábase que cara os rebeldes e sediciosos «las intimaciones se harán haciendo ondear al frente de los sublevados la bandera nacional si fuere de día». E de noite con toques de tambor. Refírense sempre a acción violenta e armada, aínda que se ve que a guerra de bandeiras é tan antiga como as faccións.

O código penal dos revolucionarios demócratas usouse ate 1928 pero foi cambiado polas dúas ditaduras militares que o conculcaron. O actual código de 1995 define explicitamente a rebelión como violenta e pública.

Todos os códigos identificaron rebelión con acción armada. Banalizar este delito como se intenta, tendo en conta a recente historia de golpes de estado e rebelións militares de 1936 a 1985 ademais de afrontar ás vítimas vivas é puro negacionismo e pésima pedagoxía democrática. A paixón está a superar con moito a emoción que sempre acompaña á razón.

A relación entre Cataluña e o Estado español levará bo camiño cando se asuma que a forma de abordala hoxe vai ser a mesma que en 1977 cando a chegada de Tarradellas, despois do desastre electoral do franquismo (UCD-AP) en Cataluña nas eleccións de xuño. Aquilo, dirase, foi antes da Constitución. Si, e agora o que volve estar en discusión é precisamente un asunto constitucional.

A democracia ten un feixe de mecanismos infalibles para resolver os conflitos, porque está deseñada sobre a base da resolución pactada e pacífica de disputas pasadas para garantir dereitos e liberdades cidadás. Mesmo ten un mecanismo xenuíno cando fallan todos: votar.

Para iso se convocan eleccións cada catro anos e se adiantan cando é necesario. Votar unha decisión en referendo forma parte dese mecanismo de conformación da vontade popular.