Montes e árbores. Por que hai tantos en Galicia?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

07 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O monte non o queiman as meigas pero como parece asunto misterioso é mellor entendelo historicamente. En Galicia hai moito monte, no sentido de elevación do terreo e no de terreo non labrado. O monte pode estar cuberto de mato (toxos, xestas... ), de pastos e tamén ter árbores. O monte con árbores en Galicia é moi recente. Non ten máis de 90 anos. Asombroso? Cando miren fotos de paisaxes galegos anteriores a 1940 observen os horizontes e apenas verán paisaxe arborada. Había árbores, si, pero acoutados nesas zonas de bosque con nomes singulares que coñecemos ben e que mesmo temos por apelidos: carballeiras, soutos, fragas..., tamén nas brañas. Había mesmo moitas e grandes devesas, zonas moi húmidas e costentas orientados ao norte, protexidas da brosa e do arado para garantir a madeira necesaria para quecer, facer carbón vexetal ou armar barcos, nunha economía de base solar. Tamén había moitos árbores nas sebes e nas ribeiras de ríos e regatos.

Pero antes de 1920 non existía en Galicia a concepción do monte como espazo arborado. Asombroso? O monte, para quen vivía del, era un espazo agrario e cultivado. Hoxe, agás para os vellos que o traballaron, o monte obsérvase só como espazo arborado. Nun pasado nada lonxano o monte organizábase para cultivos de rozas estivadas e restrebas, usando o lume. Como ía haber árbores se no monte era onde conseguían as aldeas as colleitas suplementarias e alimentar o gando? Moito gando. Hoxe só vemos vacas e algúns cabalos, pero apenas restos das ovellas e as cabras que enchían os montes. Galicia está moi intensa e extensamente ocupada porque estaba moi traballada. Para que ían plantar árbores se tiñan que alimentar a prole dándolle ao monte todos estes usos?

Aínda había outro uso do monte, o máis importante, recoller mulime para producir o esterco. Por iso os montes están limpos na memoria da xente. Pos iso a extrema abundancia de toxo en Galicia, que nada ten de natural pois foi plantado para o producir. Asombroso? O toxo foi a leguminosa chave para unha fertilización crecentemente intensiva. Hai 120 anos os paisanos empezaron a liberar bouzas para plantar árbores. Compensaban o esterco cos fosfatos e a madeira pagábase ben. Aquela silvicultura, controlada polas casas labregas, nada tivo que ver coa forzada e abusiva repoboación posterior do franquismo autárquico.

Hoxe todo o monte galego son árbores agás as serras máis altas. Non son produto da natureza, nin dunha silvicultura baseada en intereses ou políticas activas senón da inercia repoboadora. A metade son produto do abandono do agro -forzado primeiro, voluntario despois- e da desorde que o acompañou. A outra metade da ausencia de políticas agropecuarias e forestais activas substituídas pola inercia. Un presente sen pasado sufre os resultados da falta de política en forma de lumes e caos. O monte non o queiman as meigas nin a Santa Compaña, tampouco temos máis pirómanos por habitante que outros países. Nin auto-odio. Temos moita máis superficie forestal que ningún outro territorio do sur de Europa agás Portugal, máis cambio climático. Meigas fora!