Absténganse embarazadas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

06 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Era o que me faltaba por escoitar. Que a Administración tampouco respecta o dereito de igualdade no traballo. E dáme absolutamente igual que, a posteriori, aparecese unha rectificación falando dun posible contaxio que sexa máis prexudicial para as mulleres embarazadas. Dáme igual porque a etiqueta de «abstenerse embarazadas» non debera aparecer xamais nunha oferta de traballo, e moito menos para un emprego público, neste caso para a Consejería de Educación do Goberno de Aragón. 

De educación, neste caso, moi pouca, todo sexa dito. A única físgoa de esperanza que temos as mulleres é a Administración, ese reduto que nos queda para sermos tratadas en igualdade. Agora ben, se comezamos a sacar ofertas de emprego no que xa se nos exclúa... mal. Despois do dioivo de críticas recibidas, a consellería correspondente asegurou que se trataba dun problema de saúde, pois no centro no que se ofrecía o traballo detectárase un caso de rubéola, un contaxio perigoso para unha muller que estea embarazada. Pero eu xa non sei que crer. Desconfío. E aínda que así fose, rexeito de cheo a publicación de tal xeito. Non podemos ser excluíntes no enunciado.

Digan: Perigo de contaxio por rubéola. Seguro que hai máis xente á que a enfermidade lle supón un factor de risco. Pero non. «Absterse embarazadas». Así, agresivo. Coma se por estar encinta a unha muller se lle anubrasen os sentidos ou se lle borrasen todos os coñecementos que ten na cabeza. Inútil total, vaia. Anulada completamente. Desafiuzada.