Parecía un funeral...

OPINIÓN

30 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pero debería empezar dicindo que a alegría estaba na rúa, na xente que esperaba de pé, con bandeiras esteladas a anhelada proclamación da república independente de Cataluña. Eu estaba na miña casa, empezando a comer e a cousa colleume por sorpresa. A noite antes regresara dunha viaxe de traballo e o último que lera e oíra era que Puigdemont ía convocar eleccións.

Deille ao botón da TV para poñerme ao día e tardei en entender que significaba o que estaba a ver porque a cara de Puigdemont, e sobre todo a de Junqueras, eran tal cal as dos asistentes a un funeral e non a unha proclamación de independencia.

E non me decatei ata que as cámaras enfocaron á xente que estaba ás portas do Parlamento. A pesar de que penso que tal proclamación é un disparate e que o imos pagar todos os españois e non só os cataláns, emocioneime ao ver a unha anciá chorando de alegría, chorando sen rubor, e sen contención, como só se chora cando se están vivindo os grandes momentos da vida.

Despois as cámaras volveron ao interior e ao ver de novo as caras dalgúns parlamentarios, (houbo 12 que votaron non ou en branco) e sobre todo a de Junqueras, que nin ánimos tiña para sorrir, pensei que se el, o máis afervoado independentista, non sorrí, é que isto vai acabar moi mal.

E case inmediatamente, na tele deron a noticia de que a bolsa española era a única das europeas que baixara ao coñecerse a proclamación.

Bo comezo!