Verín 155

Xosé C. Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

26 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Era domingo. O Madrid ganaba. Unhas cañas e algún viño decoraban a barra do Fidel’s, o noso bar de toda a vida. Como o partido non daba moito de si, o Julito picaba ao Luís con Ronaldo. «Luis, hai que vendelo», dicía. O Luís dáballe a razón. Ata que o Julio, que é un liante, falou: «Poeta, ¿sabes quen dá o pregón do carnaval este ano?». «Quen, neno?», preguntei. E respondeu: «O Puigdemont, en diferido, dende Soto del Real». Foi escoitar o nome e o Juan Ramón, que compartía un godello co Agustín, saltou como un resorte. Cada vez que dicimos algo de Cataluña, éntralle a angustia. O Mariló xa di que non podemos citar o asunto porque un día ha de darlle algo: «Perdeu a cabeza coa independencia», asegura. Esperanza, a súa muller, que é medica, recoméndanos que non o alteremos. Eu inviteino a comer o luns para falar doutras cousas. Era feira en Verín. Un pulpo, un tinto, e a vivir que son dous días. Despois do café díxome que había que dar unha volta ata Xinzo, escoitar algo de música e falar do importante: familia, amigos, tenrura, as cousas pequenas que compartimos a diario os humildes provincianos. Está raro. Moi raro. Collemos o coche. Mirando o solpor caíanlle as bágoas. Ao regresar, na saída da autovía, gritou: «Para, non o soporto máis!». Eu non sabía por que estaba tan ofendido. Sentinme mal. Mireino con preocupación e por primeira vez souben que o Mariló non se equivocaba: perdeu a cabeza con Cataluña. «Que pasa, Juanillo?», preguntei. Fíxome volver á estrada e mirar. O cartel anunciaba: Verín 155. A saída da autovía correspondente levaba o número do artigo da Constitución do que tanto se fala estes días. O Juan Ramón, desconsolado, non sabe cómo librarse da angustia.