Das Kapital en Vilagarcía


Asistimos, no presente ano, ao sesquicentenario da primeira edición dun tratado que revolucionou a maneira de entender o sistema económico dos países avanzados, que era o capitalismo, sistema que na crítica económica de Marx aparece examinado, con rigor académico, na súa verdadeira feitura, nas súas entrañas e, tamén, como corolario, na súa falta de entrañas. Referímonos, obviamente, ao primeiro volume de Das Kapital, que Marx subtitulou Kritik der politischen Oekonomie (O capital. Crítica da Economía política). Cúmprense, pois, cento cincuenta anos da edición desta obra xenial na historia do pensamento económico, político e social, e cónstame que se están a organizar exposicións bibliográficas que conmemoren a aparición do volume de 1867. En Madrid exhibirase un dos dous exemplares que hai no mundo (sic) en institucións públicas. Pertence á Fundación Largo Caballero e contén un paratexto autógrafo de Marx que converte este exemplar nunha alfaia bibliográfica. Tal exemplar estivo en Vilagarcía desde comezos do século XX a 1928, data na que o seu propietario (afillado de Karl Marx) o doou, con outros libros marxistas, á Casa del Pueblo de Madrid. Cómo tal libro fuxiu da queima inquisitorial é algo que contará, polo miúdo, Carlos Paulos Rey, sobriño neto do propietario e bibliotecario en Marchamalo (Guadalajara). Chamábase o propietario, enxeñeiro de Minas, Charles Lessner (1879-1952), que casou en Vilagarcía, no ano 1909, con Josefina Porto, filla dos seus pousadeiros. Era fillo dun gran amigo de Marx, Friedrich Lessner (1825-1910), e a este camarada dedicoulle o pensador alemán un exemplar do primeiro volume, do que Charles Lessner, afillado do pensador, foi propietario ata 1928.

Na prensa e nos libros anteriores e posteriores a 1936 non hai ningunha referencia a Lessner como afillado de Marx, pero había persoas que coñecían esta afiliación, unha moi ilustre, o poeta e director do Colexio León XIII Aquilino Iglesia Alvariño, quen, nun diario de 1939 (publicado en 2011), consigna que el, o poeta, «estudia inglés con un ahijado de Carlos Marx que reside en Villagarcía...».

Que pensaba a Policía local e supralocal de tan sospeitoso personaxe? Bo tema para un estudo da intrahistoria municipal. O que toca hoxe -ás autoridades culturais- é facer as xestións, cos socialistas de Madrid, para que se poida expoñer en Vilagarcía esa alfaia da bibliografía progresista mundial.

Votación
7 votos
Comentarios

Das Kapital en Vilagarcía