Había unha vez un circo

Siro
SIRO PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

SIRO

07 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante os primeiros anos da Transición toda España admirou aos políticos cataláns. En Madrid, chegadas as eleccións municipais, sempre algún gracioso pedía que non se presentase ninguén e que lles mandasen o que quedase segundo en Barcelona. Deputados como Roca Junyent, Solé Turá, Ernest Lluch, Narcís Serra, entre outros, contribuían coas súas intervencións a prestixiar o Parlamento e a convencer ao electorado de que aquelo ía en serio. O Honorable Pujol, moi honorable, moi honorable, non era e puido descubrirse en 1986, cando os fiscais Mena e Villarejo quixeron procesalo pola quebra de Banca Catalana; pero Felipe González non o permitiu e tívoo como aliado ata que Pujol, en 1996, veu vir o cambio e deixou de apoialo. O PP gañou as eleccións e os simpatizantes celebrárono berrando «Pujol, enano, habla castellano» ante a sede do partido. Pujol é pequeno, si; pero a súa sombra era longa e o presidente Aznar puxo fin á campaña anticatalanista do PP, quitou da dirección a Vidal-Quadras, o inimigo máis feroz do catalanismo, e declarou que tamén el, na intimidade, falaba catalán. Pujol apoiou ao PP e puido dicir: «Cataluña tiene la fuerza moral de haber contribuido de forma importante a la democracia, al progreso y a la paz de toda España; tiene la fuerza moral, también, de haber aplazado a veces aspectos importantes de su reivindicación en nombre del interés general».

 

A política era o que sempre fora: un xogo de tahures. Xa non. Co actual Goberno da Generalitat «os aspectos importantes da reivindicación» impuxéronse ao interés xeral -ata aí nada que censurar-, pero na folla de ruta cara a independencia hai moita forza bruta, moita razón bruta e nin chisco de forza moral. É un xogo tráxico de bos e malos, no que, ou estás con eles e es bo; ou non estás con eles e es facha. Sei de galegos -algúns moi coñecidos- que levan toda a vida en Cataluña e decidiron non falar catalán como resposta a ese acoso. No bando nacional tampouco impera a razón, precisamente. Demasiados españoles pensan que o independentismo catalán pode e debe erradicarse coa violencia. Os policías nacionais e gardas civís que saían en buses cara a Cataluña eran despedidos e acirrados como heroes e os que se excederon e mallaron na xente indefensa sentiron que estaban a cumprir unha misión transcendental. Mandalos era innecesario e facelo foi un erro político porque o número de independentistas se multiplicou; pero despois de oir ao Rei quédame a dúbida de se foi un erro ou un ensaio para próximas accións de maior calado. En calquera caso aos creadores de opinión no nacionalismo español todo lles parece pouco e acusan a Rajoy de agachar as orellas e aos seus ministros de covardes por falar de solucións e diálogo.

Non ten volta, as dúas Españas seguen en pé e a Guerra Civil non rematou. E eu -parvo de min- veña a querer facer en Ferrol o Museo da Reconciliación.