Sangue de mártires

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

03 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Gustaríame unha actuación máis contundente por parte do goberno antes de chegar a esta situación; preferiría menos prudencia e menos ir a remolque das circunstancias e máis decisión para impedir que os independentistas se saltasen a lei cantas veces quixeron. Pero chegados a este punto, o único que me parece importante, e creo que é sentimento compartido por unha maioría de españois, é que non haxa mártires.

Non me estou referindo a personaxes dispostos a ir ao cárcere para converterse na versión moderna de Tarradellas. Eses saben o que se xogan e o beneficio que van sacar da súa postura. Falo do cidadán do montón ao que anos de publicidade convenceron de que Cataluña é saqueada por España e con toda a súa fe vai votar para remediar esa situación. E atópase a un policía que non lle deixa, e el empéñase en exercer o que lle dixeron que é o seu dereito e o seu deber como catalán, e o garda empéñase en cumprir coas ordes recibidas e empúxao, e o votante, que sente tras si a forza doutros moitos votantes, responde o empuxón, e acaba cun porrazo nas costelas ou, se os que están tras el rodean ao garda e este séntese en perigo, unha bóla de goma acaba no ollo dalgún pacífico manisfestante.

Isto sucede sempre. Sábeno os que piden á xente que saia á rúa para manifestarse. Sangue de mártires, semente de cristiáns. Quizá era iso o que estaban a buscar.