O Toné

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

28 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

OToné é fabuloso. «Ninguén vive mellor ca ti», dígolle. El, con sorna, contesta: «E que eu non me entere!». Xa contei algunha vez que é home de talento. Na entrada da miña casa hai oito das súas plumillas de Verín: preciosas. Regaloume unha das probas orixinais. Nunca o olvidarei. Tanto talento, o do Toné, que me pregunto por qué non dedicou máis tempo ás artes. Quizá porque lle quitaban horas para divagar, falar, vivir. O seu maior talento, creo, é ser feliz (ou parecelo). Ás nove da mañá fai os encrucillados dos xornais, infórmase, fuma e contempla como se estira Verín. Ao mediodía toma un viño na tasquiña da Mercé acompañado de eximios contertulios. Un día teño que parar: estou seguro que o que eles dirimen supera en altura e humor e criterio ás tertulias afamadas do país. Están algúns dos xubilados máis notables do val: Pepe Nieto, Pepe Felisindo, Quinor, Cunino… acompañados doutros seres tranquilos que transmiten calma e paz con só miralos. Toné non aguanta moito nos faladoiros. Decontado cambia de bar para empezar tertulias novas. Fala con este e con aquel, aconsella, nunca se molesta, escoita educadamente: algo que non resulta fácil nestes tempos de móbiles e monólogos. Creo que Toné non ten móbil. Nunca llo vin. En realidade non o precisa. Quen queira encontralo ben sabe ónde e a qué hora. Eu dialoguei moito co Toné. E as conversacións privadas sempre resultaron máis ricas que as públicas. Hai anos, cando escribín a biografía de Borges (que me tivo con insomnio varios meses), pregunteille se el tamén tomaba pastillas para durmir. Miroume de arriba abaixo. Botou un sorriso. Levantou a copa de viño branco e dixo: «Neno, ¿paréceche pouco o que tomo?». Un home fabuloso.