Austeridade ficticia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

28 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixemos de ter memoria de peixe. Quitemos o po ás lembranzas e volvamos ao caso Malaya. Lémbrano? Foi un dos primeiros escándalos dunha serie que comezou pinga a pinga e agora non cesa.

Pois ben, un dos implicados nesa macrofraude, levaba anos desaparecido. Pero seica os remordementos non o deixaban durmir e agora, xusto cando prescriben moitos dos seus delitos, decide regresar a España e entregarse. Que casualidade! Por si, claro, estaba fuxido. Cambiou de cara (non moito, fáganme caso) e de apelido.

Deixou de chamarse Carlos Fernández para ser Carlos Hernández. E claro, con semellante diferenza... quen ía dar con el? Por iso vivía tranquilo, dando leccións de austeridade. O que oen. El, que tiña ata os cepillos de dentes de luxo, interviña na radio, nun país estranxeiro, aconsellando á xente que se desprendese do material para ser feliz, porque acumular riquezas, seica, non dá a felicidade.

Está el para darnos consellos.

Ese descaro, esa ousadía de converterse nun personaxe público, mentres é un fugado da nosa xustiza... arrepíame.

Alguén viu a casa de Pepe Mujica? Si, o ex-presidente de Uruguai. É sinxela e humilde. El si pode aseverar, como o fai, que, se non logras ser feliz con pouco, lixeiro de equipaxe, non o serás con moito. Predica co exemplo.

Ou a Julio Anguita. Sabe alguén que renunciou á súa paga vitalicia como ex-parlamentario? Vive da que fora a súa profesión de ser mestre, pois abóndalle.

A eles escóitoos. O de Fernández/Hernández paréceme unha gran burla.