Cando empezou o de Cataluña?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

27 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

España é un reino que foi dúas veces República (unha delas federal) e por espazo de corenta anos un Estado ditatorial con xefe pero sen presidente nin rei. Antes fora un imperio transoceánico desfeito a comezos do século XIX pola independencia das repúblicas americanas, pero seguiu conservando algunhas posesións ultramarinas ata 1898 e mesmo despois mantivo presenza nalgúns territorios de África até 1975. Non tivo unha historia máis convulsa que outros Estados contemporáneos pero si diferente porque arrastrou máis tempo que ningún outro a perda do imperio e as ansias de non perdelo.

O de España é un Reino Unido de libro pero cunhas elites políticas case sempre empeñadas en gobernalo ao xeito dun Estado unitario como o francés. Así vén acontecendo maioritariamente dende a crise da monarquía absoluta e a primeira Constitución en 1812. A ilusión por seguir o modelo xacobino instalouse entón, pero o paso do tempo foi negando esa posibilidade e afirmando a evidencia de que España sumaba reinos diferentes: a maioría están no seu escudo aínda que algúns -Reino de Galicia, Vascongadas- xa cheguen á época contemporánea simbolicamente subsumidos en León e Castela. Unha subsunción que nunca foi asimilación definitiva, primeiro porque mantiveron leis e formas de organización propias e logo porque na súa evolución contemporánea os vellos territorios recrearon e modernizaron as súas identidades lingüísticas e culturais, sen perdelas de todo.

De todos aqueles reinos que se foron sumando nunha monarquía peninsular foi Cataluña, primeiro como parte de Aragón, e logo coa súa nova personalidade económica e cultural contemporánea un dos que máis cultivou a súa singularidade. Outro, Portugal, separouse no século XVII en parte apoiado no seu propio imperio. Isabel e Fernando uniron catro reinos (os seus propios, Granada e Navarra) que nunca se diluíron mentres houbo imperio e tampouco despois nun sentido unitario.

Cando empezou o de Cataluña? Algúns buscan en 1714 a data simbólica, outros con Guifré el Pilós..., pero o uso da historia como xenética para xustificar presentes máis que para entendelos non interesa aquí. O certo é que Cataluña participa no intento de articulación dun Estado moderno durante o século XIX no solar orixinal daquel vello imperio. Intentouno Prim creando unha monarquía democrática de novo cuño con Amadeo I; pouco despois Pi i Margall coa súa proposta democrática e federal republicana. Buscouno a burguesía catalá con Solidaritat Catalana, desprazando aos partidos turnistas da Restauración, despois Cambó dende a Lliga.

Na Segunda República materializouno Companys, máis republicano que catalanista, pero tropezou co Tribunal de Garantías primeiro e co golpe militar despois. Logrouno Tarradellas como despositario da lexitimidade republicana ao recoñecer a monarquía a cambio da restauración da Generalitat. Continuouno Pujol participando decisivamente do poder da democracia constitucional durante as décadas seguintes. Tropezou de novo. Non sei cando empezou pero seguirá.