Eu tamén navegar

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

14 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo divídese entre as que lemos a Xohana Torres e as que non. As que nos educamos con Xohana Torres, e as que non. As que aprendemos a ler entre as páxinas de Adeus, María, e as que xamais oíron tal cousa. As que aprendemos a escribir grazas a ela, e as que non. O resto, quen ficaron ao sur do Douro e ao leste da serra dos Ancares, nunca tiveron a Xohana Torres. Polo menos agora non están orfas coma nós, as fillas todas da inventora dese berro do que fixemos un estandarte toda unha xeración de mulleres que, coa Penélope de Xohana, berramos «eu tamén navegar». Berrámosllo á vida e á maternidade, ao traballo e aos maridos, ao mundo e ao mar, aos nosos editores, aos nosos compañeiros de viaxe, aos nosos colegas escritores, aos académicos, aos poetas, aos do teatro, aos do cine, ao mundo. Velaí a intelixencia de Xohana Torres, que nos lembrou que non abondaba con termos un cuarto propio, senón que precisabamos a vontade liberadora dese berro, a capacidade para atravesar vidros e derrubar montes, coma os seus poemas, coma as personaxes do seu teatro tan esquecido coma marabilloso.

«A que tanto novelo e tanta historia?», seica dixo Penélope antes de marchar. E marchou da man de Xohana Torres, debuxando as súas siluetas cara ao solpor no horizonte de sereas sen voz e de acios malvas dos que beber o viño mañá. E nós, as orfas de Xohana pero herdeiras das súas vontades todas, nós tamén navegar.

E mudaremos o mundo porque nos quedan os seus libros para educarmos as futuras Penélopes saídas dos nosos ventres de balea e que o mundo siga dividido entre as mulleres que aprendemos liberdades e as que non.