Eu tamén navegar

Ramón Nicolás TRIBUNA

OPINIÓN

13 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu tamén navegar», así titulou Xohana Torres o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega no 2001: un texto emocionante que explicaba unha traxectoria literaria senlleira, a súa, posta ao servizo do seu país.

A Xohana Torres, desde o afastamento da presenza pública nos últimos anos, cómpre procurala nunha produción literaria ampla que deixou fóra poucos xéneros: dramaturga, ensaísta, tradutora, narradora -pioneira na tradución de literatura infantil e xuvenil ao galego e autora de varias pezas deste xénero- e poeta. En todos eles manifestou unha intensa coherencia e unha innegable solidez creativa, aínda que talvez sexa no ámbito da poesía onde a súa voz escintila con máis forza. Nela chantou os esteos dunha corrente innovadora, nalgunha medida rupturista, para proxectarse, desde o seo acolledor da xeración das Festas Minervais, con dúas preocupacións fundamentais: a primeira, deixar constancia dunha ollada ao mundo que agroma desde unha voz de fondas conviccións feministas que soubo abrir un camiño de irmandade e continuidade que se estende ata hoxe en día; a segunda, formular unha visión do Tempo e da Terra que determinan unha poética de revelación e epifanía. As páxinas de Do sulco (1957), pasando polas de Estacións ao mar (1980), Tempo de ría (1992), a compilación Poesía reunida (2004) ou o recente Elexías a Lola (2016) así o testemuñan.

O seu «Eu tamén navegar», posto en boca de Penélope, pervivirá sempre. Xohana Torres ensinounos que «existe a maxia e pode ser de todos» e seguirá cuestionándonos: «¿A que tanto novelo e tanta historia?».