Escollendo universidade

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

05 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como sempre que comeza o curso as universidades son noticia. Milleiros de familias envían os seus fillos e fillas a facer unha carreira -así se chamaba- que comeza nos estudos universitarios. A carreira da vida arrinca nese momento vital para quen está en condicións de acceder á universidade e por iso é tan transcendente a decisión sobre onde e que estudar. Como cada setembro -e cada xuño- repítense os tópicos sobre titulacións máis e menos demandadas, saídas profesionais e outros de recente aparición: a suposta endogamia universitaria e a ausencia de universidades españolas entre as 100 primeiras do mundo nos rankings máis famosos.

O da endogamia acabou por converterse en lenda urbana para incrédulos, como aquela de que os xogos de rol son a causa de algúns estraños asasinatos, cando Dashiell Hammett nos aprendeu que sempre están relacionados co diñeiro ou co poder, que ven sendo o mesmo. A endogamia universitaria -etimolóxica e historicamente falando- era a da vella universidade na que familias enteiras ocupaban cátedras e construían sagas que ás veces -sobre todo despois da grande expulsión de 1939- estaban máis relacionadas coa seguridade dun emprego público que coa garantía do coñecemento. Confundir por preguiza ou interese o pasado co presente ou atribuír a outros os deméritos propios é práctica demasiado común cando a propaganda substitúe ao debate. O argumento da endogamia repíteo quen non cre na universidade nin a valora nin vai convertela en prioridade política. Quen reducen os orzamentos de I+D por debaixo da media europea. Tamén dalgúns universitarios arrepentidos ou despistados.

O dos rankings é un argumento aparentemente máis sólido que reafirma aos interesados en minorizar o papel das universidades e reducir os seus recursos, que ademais centra o problema nas universidades públicas. Ninguén agarda ver en posicións destacadas ás privadas españolas, nin sequera as bota de menos. Seguramente porque só se espera que a universidade dea -ou venda- un título para facer a carreira da vida. Tendo en conta que no mundo hai arredor de 22.000 universidades, segundo Webometrics (2014), que 11 universidades españolas (o 22 % das públicas, como lembraba aquí Jorge Mira) estean entre as 500 mellores do mundo en todos os rankings ten un significado difícil de disimular. Di moito a favor das universidades públicas onde poden estudar os nosos fillos.

Soa a preguiza intelectual que Carmen Vela, secretaria de Estado de I+D+i, insista no tópico sobre a non funcionarización da investigación científica, cando o 40 % do profesorado universitario non ten máis que contratos precarios. As universidades teñen moito que mellorar, pero en conxunto están a anos luz do mundo empresarial e o político en competencia. As súas virtudes foron construíndose dende a base mesma da educación primaria ao longo das últimas cinco décadas. Moito fixeron por elas aquelas mestras que como Alicia Jones foron quen de sementar futuro mesmo dende unha esquela -convertida en trending topic- con imaxinación, curiosidade, interese e coñecemento.