As nais dos terroristas mortos


Ninguén as ve e ninguén fala delas, pero están aí, pechadas na casa vendo morrer os seus fillos. Unha e outra vez, observan eses vídeos nos que alguén lles mata o mesmo neno que hai só unha semana xogaba á Play no salón e lles pedía unha comida rica para o seu aniversario. Non hai tanto que lles curaban as pupas con colo e curasanas, e agora son elas, as nais, quen choran as feridas polas que foxe a vida que nunca máis volveu á casa. Levaban tempo chorando, a verdade. Moi poucas, pouquísimas nais de xihadistas cren que os seus fillos son combatentes, ou guerreiros, ou como se diga. A maior parte delas sente esa culpa pesada que un día apareceu pola casa coma unha intrusa, tanto se na radio narran o asasinato na Rambla coma se contan ese deserto onde un autobús estourou con 120 fillos doutras dentro, tamén sesenta e catro nenos que xa non han ser terroristas, nin bailaríns, nin avogadas, nin enfermos ou mortos por calquera outra causa que lles permitise ser simples pranxideiras de fillos falecidos, en lugar de nais de terroristas. Séntense a orixe da traxedia. E resóalles na cabeza esa palabra que descoñecían: abater. Iso non pasa cos pais. Os pais dos terroristas, coma case todos, din que os fillos son das súas nais. 

Eles non pensan nesa obsesión que non deixa durmir, nin comer, nin vivir máis ás nais dos mozos mortos: ¿por que non lle viron nunca ao aleitalo ese xesto no que unha sabe que o meniño se converterá un día en terrorista, en Hitler, en Donald Trump? Entón a cabeza vailles inevitabelmente ao seu bebé tiroteado por malo. O seu bebé que cae abatido.

E por un intre pequeno, as nais dos terroristas mortos desexarían ter parido nenas.

A maior parte delas sente esa culpa pesada que un día apareceu pola casa coma unha intrusa

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
50 votos
Comentarios

As nais dos terroristas mortos