A boa educación

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

23 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai outra educación da que apenas se fala, porque non está de moda, porque non mola. É a acepción máis popular, mediante a que se cataloga a unha persoa de ben ou mal educada. Xa ten pouco que ver co clásico significado de urbanidade e cortesía, palabras en desuso, e limítase hoxe, case en exclusiva, ás normas máis elementais de comportamento social, que nin sequera se están a cumprir. Ademais, cada día hai menos amabilidade e expresións como «grazas», «por favor» ou «perdón», brillan pola súa ausencia.

Como en tantas outras cousas, neste país pasouse dun extremo a outro no que á boa educación se refire. De maneiras de conduta pomposas e esaxeradas, temos derivado nunha falsa autenticidade, que permite a cada un manifestarse como quere, sen ter en conta ningún tipo de regras. Ao amparo desta impunidade, abonda o groseiro e están a cometerse graves incorreccións no comportamento. Pode que cederlle o paso a alguén, ser educado na mesa ou saber estar, sexan consideradas por algunhas tendencias como actitudes desfasadas, pero sempre ha ser imperdoable non deixarlle o asento a unha persoa moi maior, a un discapacitado ou a unha muller en estado avanzado de xestación. Tamén o é a falta de respecto polos demais, como facer ruído cando alguén descansa, abusar dos débiles, atentar contra os bens públicos ou non axudar a quen o necesita, por citar só uns exemplos.

Este tipo de educación ten que mamarse e non pode esixírselle á escola, como desafortunadamente está a ocorrer. Debe ser no fogar onde se inculquen unhas normas básicas de convivencia, que se convertan en hábitos, gravados de xeito indeleble. Non obstante, escolarízanse cada día máis alumnos que están «a monte», que non respectan nin ao persoal docente ou de servizos nin aos propios compañeiros. O seu comportamento dificulta moito o traballo e obriga aos centros escolares a ter réximes disciplinarios cada vez máis ríxidos. O mestre necesita que o neno sexa capaz de manterse sentado, tranquilo e sen molestar, un tempo razoable; que controle un mínimo os seus impulsos; que escoite e preste atención e que non interrompa cando outros falan. Pretender que no centro docente se adquiran estas actitudes, supón unha gran perda de tempo e, se por riba non hai unha estreita colaboración da familia, resulta un esforzo baldío.

Os profesores poden potenciar e mesmo mellorar os hábitos e valores adquiridos no fogar, pero sempre que se parta desa base educativa, responsabilidade da familia. Son os pais os que teñen que inculcar unhas normas e establecer uns límites, que serán a base dunha persoa ben educada, cun bo comportamento social. Esta formación non ten por que ir en contra da creatividade ou liberdade do fillo e moito menos producirlle ningún trauma, como pretenden facer crer algunhas correntes pedagóxicas.