Un tempo decisivo para o PSdeG

David Balsa TRIBUNA

OPINIÓN

15 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días en Nova York, onde participei xunto a Pedro Sánchez na xuntanza da Internacional Socialista, puiden asistir o intenso debate que está a vivir a socialdemocracia mundial. Nos encontros que na viaxe nos Estados Unidos sostivemos con diferentes lideres socialistas de todo o mundo, incluído o portugués Antonio Guterres, secretario xeral das Nacións Unidas e gran amigo e coñecedor de Galicia e da nosa cultura, reflexionamos moito sobre a resposta que a socialdemocracia pode darlle ao ascenso da xenofobia e a ultradereita. 

Os socialistas galegos temos un tempo decisivo ate o 8 e deseguido no 27, 28 e 29 de outubro para atopar entre todos esta resposta socialdemócrata. Nesas datas as nosas primarias e o congreso deberán artellar un liderado crible e un programa alternativo que ofrecer os galegos. E para conquerir o cambio político -primeiro nos concellos no 2019 e despois nas autonómicas no 2020-  debemos ollar a nosa historia común. O PSdeG liderou Galicia no 1987 con Fernando González Laxe e no 2005 con Emilio Pérez Touriño. Os socialistas fomos quen entón de ofrecer un proxecto de anovación e ambición ao país e de integrar a inmensa maioría dos progresistas e galeguistas. 

Temos unhas boas credenciais para liderar o cambio político en Galicia e rematar coa triste etapa de desgoberno e insolidariedade do Partido Popular. O PSdeG está a gobernar tres deputacións provinciais e conta cunha ampla presenza nos concellos. A elección de Pedro Sánchez desatou unha onda de optimismo que xa se reflicte nas enquisas. No recente congreso federal do PSOE os socialistas galegos tivemos un gran éxito coa elección de Pilar Cancela como secretaria de Políticas Migratorias e PSOE Exterior e membro da influinte comisión permanente. Tamén conquerimos aumentar o número de galegos no comité federal do PSOE. E estivemos firmes na defensa dos intereses de Galicia e recuperando influencia e respecto no socialismo español.

Nas primarias a prol da candidatura de Pedro Sánchez colaboramos moitos compañeiros. Dende Diego Taibo, un dos impulsores da plataforma de apoio a Sánchez na provincia coruñesa; Rocío Frutos, a valente deputada do non a Rajoy; Eva Maldonado, a militante de base promotora das sinaturas a prol de Sánchez e un longo etcétera. Tamén tiven oportunidade de  colaborar e sumar esforzos con Juan Manuel Díaz Villoslada. O seu incansable  labor nas eleccións autonómicas do 2016 -nas que compartimos mitins e actos como candidatos a deputados na lista pola Coruña- e o seu intenso traballo posterior no Parlamento de Galicia causáronme unha moi boa impresión. Outros compañeiros preséntanse para liderar o PSdeG: Gonzalo Caballero e Xoaquín F.  Leiceaga. Os dous son bos socialistas aos que aprecio e estimo. Neste intre decisivo para o futuro do PSdeG temos que apostar por unha opción que asegure a renovación ideolóxica, o compromiso galeguista e a integración das distintas sensibilidades no socialismo galego.